A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, reclamaron este xoves á Xunta que “cumpra” o prometido e finalice as obras da rolda leste da capital lucense.
Na contorna do río Rato, Méndez lembrou que “hai un ano” o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciou unha actuación dotada con 22 millóns de euros para concluír a rolda leste, cuxo proxecto “estaría a exposición pública no primeiro trimestre” de 2019.
“Estamos no último trimestre do ano, case un ano despois dese anuncio, e non sabemos absolutamente nada“, censurou a rexedora lucense, que afea que o anuncio se producise “nunha época electoral”, o que a levou a sentenciar que a Administración autonómica “enganou aos lucenses”.
“Hai que lembrar á Xunta de Galicia e ao señor Feijóo que este é un compromiso seu, unha débeda coa cidade de Lugo. Agora que está a reivindicar continuamente as débedas que ten o Goberno central con Galicia, el esquécese das débedas cos lucenses“, reprochou.
Así mesmo, tamén puxo o foco en que se trata dunha “débeda de Feijóo” porque “meteu nun caixón” unha infraestrutura que no ano 2009 “estaba proxectada” a primeira fase durante o goberno do bipartito da Xunta, así como a segunda e a súa finalización. “Pero Feijóo, como era un proxecto de Lugo, meteuno no caixón con premeditación e aleivosía”.
“O que pedimos é que saque ese proxecto do caixón, porque nos tememos que vai ser cun goberno socialista quen teña que finalizar esa rolda leste, quen teña que darlle continuidade á circunvalación da cidade”, demandou.
Méndez explicou que esta obra pretende dar saída a “un incremento do tráfico rodado” por esa zona “pasando de 650 vehículos a 4.700 que ten (diariamente) a día de hoxe”, xa que se trata dun punto de acceso “non só para os veciños da cidade, senón para moita xente que vén doutros concellos da provincia e accede ao HULA por esta vía”.
GONZALO CABALLERO
Pola súa banda, Gonzalo Caballero criticou que o presidente da Xunta “fixo moitas promesas, pero non cumpriu” con Lugo, cidade que, segundo o líder do PSdeG, padece da “política de botafumeiro” que atribúe á década de Feijóo en San Caetano.
“Galicia necesita unha cidade de Lugo potente, e os lucenses necesitan o compromiso da Xunta de Galicia coa capital da provincia”, incidiu Caballero.