Cohors III Lucensium: “Sentimos a engadidura á realidade romana”

Eduardo Fernández, vogal da asociación histórica, fala das novidades para esta edición do Arde Lucus e do aprendido coa experiencia

Cohors III Lucensium entrando a Lugo no Arde Lucus MMXVII | Cedida

Conforman unha das asociacións máis representativas do Arde Lucus, e unha das máis activas na recreación do arte da guerra romano. Xusto antes do comezo do festexo histórico en Lugo, este xornal acode a Eduardo Fernández, vogal da Cohors III Lucensium. Como cada ano, tomarán a cidade na tarde do venres e protagonizarán actos por toda a zona vella. Audentes fortuna iuvat.

O primeiro é obrigado. Cales son as novidades máis salientables?

Para min a que máis vai gostar é a homenaxe á nosa moeda, adicada a Constantino I, que titulamos In Luco et Nunc, o domingo ás 12.00 na Mosqueira, unha homenaxe á moeda e á historia que hai detrás. Constantino I foi quen entregou a muralla recén construída ás autoridades civís e militares. Despois destacaría, dentro dos servizos domésticos dos romanos, que faltaba un pozo, que fixemos este ano como é debido, de xeito artesán, na entrada do noso campamento. Vén a pechar o ciclo viño-pan-auga.

En que actos estará a Cohors?

Os máis importantes son os desfiles e actos conxuntos, o do sábado e o de fin de festa no domingo. Tamén no venres, o inicio da festa do Arde Lucus, que comezamos co paso das tropas pola vella ponte romana. Participamos todos e é unha enseña para o festexo.

Ampliástedes filas?

Ampliamos especialmente en amizades, batemos o récord de asociacións que participamos. Entre elas convidamos aos rumanos, devolvendo a visita que lles fixemos nós o ano pasado; e, aparte, a gran nova é que nos visitan os de Nîmes (Francia), a nivel festivo un dos buques insignia da Europa romana. Seremos arredor de 70 desfilando.

Tedes un papel importante nas actividades divulgativas.

Por primeira vez logramos montar o campamento, malia a choiva, unha semana antes do Arde Lucus. E estamos a tope de visitas de colexios. É unha faceta novidosa, porque comezamos timidamente e agora xa temos que ampliar o horario, ata o luns post Arde Lucus, porque a demanda era moi grande e nos parecía inxusto agasallar a uns escolares e a outros non. Pecharemos o campamento o luns día 18.

Comezamos polo campamento daquel tempo, por que o construían tan alto e por que non era doutra maneira, repasamos as armas de asedio e armas pasadas; e para os máis miúdos, que son os que máis atenden –as visitas duran sobre unha hora– pois lles explicamos quenes son as figuras que están na Praza Maior, tanto Paulo Fabio Máximo coma César Augusto.

Que aprendestes da edición anterior?

Temos que mellorar o trato á xente, cada vez que hai unha nova edición, as ringleiras para entrar ao campamento son incribles. Imos ampliar o horario para tentar subliñar a visita da xentiña que vén por estes lares. Creo que temos unha débeda pendente, pois as colas chegan ata os Franciscanos, agardamos que o novo horario que imos experimentar sexa efectivo.

Hai que salientar que este ano as datas son ideais para todos, aínda non atopei ninguén, hostaleiro, turista ou participante que nos falara mal das datas. O ano pasado coincidira a finais de xuño, e agora temos que sacar algunha conclusión. Poderíamos falar de asentar estas datas, fixalas sería unha boa nova para todos.

Como o vivides o Arde Lucus dende dentro? Cal é papel da Cohors?

Sentimos un grao de acopio, de engadidura, a unha realidade romana e castrexa que vivimos os lucenses todos os días. Se levantásemos unha pedra do chan, atoparíamos restos arqueolóxicos da cultura castrexa ou romana. Se somos quen de pór en valor ese patrimonio, que a xente o respecte, poderíamos darnos cun canto nos dentes.

Como é a relación coas asociacións da cultura castrexa?

Moi boa, moi boa. É un dos poucos exemplos de mellora constante, cada ano melloran os intercambios. Para mostra, a cantidade de actos conxuntos, incluso cando imos fóra, que sempre nos axudamos. Dá gusto relacionarse cos castrexos e o resto de compañeiros romanos.

Sorteo da armadura coas cores do Lugo

Presentación do sorteo da lorica coas cores do Lugo

A Cohors III ten aínda á venda as rifas para o sorteo dunha lorica segmentata coas cores do Club Deportivo Lugo. Poden adquirirse, en beneficio da asociación, nos comercios participantes, e na tenda e nas instalacións do club. O sorteo será ante notario o luns 18 ás 21.00 horas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here