A Deputación pide a Portomarín terreos e licenza para o centro de día

A Deputación ten proxectado un edificio con trece apartamentos tutelados e un centro de día – Suporá un investimento conxunto de máis dun millón de euros

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, explica os pormenores do proxecto do complexo con centro de día e trece apartamentos tutelados en Portomarín | Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, adiantou este xoves que o goberno provincial ten listo o proxecto básico para a construción en Portomarín dun edificio cun centro de día e 13 apartamentos tutelados. O complexo ofrecerá atención profesional a 54 persoas maiores da provincia. Requerirá dun investimento conxunto de 1.100.000 euros.

Campos explicou que estas instalacións sociais que o goberno da Deputación decidiu levar a Portomarín teñen unha superficie de case 2.200 metros cadrados. Contarán con catro plantas: o soto para un garaxe; unha planta baixa, na que se situará o centro de día con capacidade para 28 maiores, o comedor social ou servizos comúns como o de lavandería, zona de vixilancia, control e administración, amais dun apartamento; a primeira planta, con 8 apartamentos; e a segunda planta, con outros 4 apartamentos.

Os 13 apartamentos proxectados en total contan cunha superficie de entre 55 e 63 metros cadrados cada un. Todos dispoñen de zona de cociña, comedor e sala de estar, unha habitación dobre e un baño adaptado. O presidente da Deputación explicou que estas instalacións sociais teñen capacidade para 28 persoas no centro de día e para 26 nos apartamentos.

Tal e como recolle o convenio elaborado polo executivo provincial, que que será aprobado este venres en xunta de goberno, o Concello de Portomarín terá que ceder os terreos que considere, conceder a licenza de obra e colaborar con 200.000 euros antes da finalización do proxecto. A cambio, a Deputación avanzará o orzamento para comezar as obras, con 400.000 euros en 2018, e outros 500.000 para 2019.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here