Expertos da banda deseñada ilustrarán en directo o Arde Lucus

Seis especialistas en banda deseñada histórica inmortalizarán a festa durante a xornada do sábado

Imaxe promocional do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Este sábado, a celebración do Arde Lucus terá testemuños de excepción. Na estela do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, realizado en Lugo no mes de abril, sobranceiros ilustradores converterán as representacións en banda deseñada en directo. Será ao longo do sábado, como avanzou a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, cun percorrido por todos os eventos da gran festa histórica.

Será a primeira vez que o Arde Lucus conte con recreacións artísticas en directo. Os especialistas en xénero histórico Víctor Boullón, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro -creador dos Bolechas-, Alfredo López ‘Tokio’, Miguel Fernández e Manel Cráneo farán un roteiro por puntos estratéxicos da cidade, representando en banda deseñada o ambiente deste festexo declarado de Interese Turístico Nacional.

Os seus debuxos inmortalizarán diversos actos. Na mañá do sábado, o ataque galaico á patrulla pretoriana, ás 12.40 horas na Praza Maior, onde participan as asociacións Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas e Guarda Pretoriana. Pola tarde, a partir das 18.20 horas ilustrarán o asalto ao Monte Medulio, no Cantiño Nemesio Cobreros, co campamento e a formación de combate da Cohors III Lucensium; e cara as 20.30 horas estarán no desfile de tropas romanas e tribus castrexas pola Ronda da Muralla.

Por último, haberá unha xuntanza para que os autores poidan compartir e revisar os traballos dos compañeiros, valorar as ilustracións e imaxinar como poderían encaixar en futuras publicacións de banda deseñada histórica.

A participación dos ilustradores dará continuidade ao I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, no que colaboraron www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial co apoio do Concello lucense. O encontro abrangueu dende o 6 de abril ao 21, comprendendo tres sesións teóricas e dous obradoiros prácticos no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Os ilustradores que participarán no Arde Lucus son os mesmos que abordaron, no I Encontro, o universo da banda deseñada de corte histórico, os seus procesos creativos e as técnicas de debuxo. Estes seis artistas representarán a vida tal e como sería na vella Lucus Augusti a través dos avatares da representación histórica na que participan asociacións e veciños.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here