A Xunta promove en Lugo un programa que apoia a contratación de mozos titulados

O programa 'Profesionais 4.0' quere "reter o talento" da xuventude e ofrece axudas que poden alcanzar ata o 75% da retribución bruta do empregado.

O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, presenta o programa 'Profesionais 4.0'.

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer este luns o programa ‘Profesionais 4.0’, polo que se estimula o “apoio á contratación por autónomos e empresas de mozos recentemente titulados”.

Balseiro destacou que se trata dun programa “pioneiro” posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape. Está destinado á “especialización e o acceso ao mundo laboral dos mozos que contan con titulación universitaria ou de técnico superior de formación profesional e unha experiencia inferior aos dous anos”. O proxecto nace cun triplo obxectivo, aseguran: “reter talento en Galicia, favorecer o desenvolvemento da carreira profesional da xente nova e apoiar o tecido empresarial”.

A través desta liña de axudas, dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis anos empregados e as asociacións ou fundacións para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo na Industria 4.0.

A porcentaxe de axudas á contratación destes mozos entre 18 e 35 ano poderá alcanzar o 75 por cento da retribución bruta que perciba o contratado, ata un límite dun ano de duración. Cada entidade beneficiaria poderá optar a un máximo de cinco contratos incentivados, e a retribución salarial anual bruta que percibirá cada novo traballador “non será inferior a 19.000 euros”, explicou o delegado.

ACTIVIDADES DIVERSAS

As iniciativas poden desenvolverse “en actividades tan diversas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación de tecnoloxía”, entre outros.

O prazo de solicitude a estas axudas, onde serán as empresas ou entidades as que se encarguen da contratación, conclúe o 7 de outubro, e para acceder a estas axudas haberá que estar dado de alta no paro e tamén no Igape.