O bebé supostamente maltratado permanece “estable” no hospital de Madrid

O delegado territorial da Xunta en Lugo indicou que ningún familiar do menor se puxera en contacto co Goberno Galego durante estes días.

Bebé no hospital Unicap - Hilando Vidas
Bebé | LX

O bebé supostamente maltratado polos seus pais en Lugo foi trasladado ao Hospital La Paz de Madrid, onde está previsto que sexa sometido a unha intervención por desprendemento de retina.

O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que o cativo fora trasladado o sábado. “Segue hospitalizado e a súa situación médica é estable dentro do delicado estadode saúde que presenta”, comentou. Engadiu que “está acompañado as 24 horas do día e en contacto permanente co servizo de Menores da Xunta de Galicia”, órgano que ten a súa tutela, garda e custodia. Segundo indicou Balseiro, ningún familiar do menor se puxo en contacto co Goberno galego durante estes días.

Sobre os pais pesa unha orde de afastamento do menor, imposta pola xuíza que leva a investigación, a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, a semana pasada tras tomarlles declaración e deixarlles en liberdade -despois da súa detención- investigados por un delito de malos tratos.