O alcalde de Xermade confía en que se cedan todos os terreos para arranxar a estrada de Momán

As obras de mellora desta vía provincial, que xa motivaron que o cura de Momán oficiase unha misa ao respecto, non suporán expropiacións polo momento.

LU-P-2204 / Google Maps.

O alcalde de Xermade, o socialista Roberto García, asegurou este luns que son “poucos” os veciños que faltan por ceder terreos para proceder ao arranxo da estrada que une Momán coas Pontes, a LU-P-2204, de titularidade provincial.

O mal estado desta estrada, estreita e con fochancas, levou este fin de semana ao párroco de Momán, Luís Rodríguez Patiño, a oficiar unha misa na zona para reclamar a “intervención divina” para reparala.

Roberto García, que tamén é deputado provincial, lembrou que “van feitos catro quilómetros e estaban adxudicados por parte da Deputación outros catro”. “Falta a cesión (de terreos) duns poucos propietarios (tres ou catro) e por iso non se empezaron os traballos“, explicou. “A intención da Deputación é facelo, pero como o resto de veciños fixeron cesión dos seus terreos non se vai a expropiar agora a ninguén”, sostivo. Por iso, emprazou a eses “tres ou catro” veciños a que cedan esas leiras para que a estrada poida ser acondicionada “con aglomerado e pintura”, abundou.

En canto a que se estea presionando a eses veciños, segundo denunciou o PP dese Concello, o alcalde rexeitouno. “Non é razoable que un partido poña cambadelas para unha obra de futuro”, concluíu.

EXPROPIACIÓN

Pola súa parte, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro non quixo polemizar sobre o tema ao “non ser unha estrada” que dependa do Goberno galego. Aínda así, cualificou de “estrañas” as declaracións que fixeron os socialistas con respecto a esa cesión de terreos.

Balseiro apelou a que “os veciños poden ceder ou non ceder os terreos, pero a administración ten un instrumento para levar adiante as obras” e ese “instrumento” é a expropiación, apuntou o delegado do Goberno galego en Lugo.

O cura de Momán “invoca a Deus” para que “mande un arquitecto” que arranxe a estrada de Xermade