A deputada Patricia Otero, nova secretaria provincial do PSOE en Lugo co 68% dos votos

Patricia Otero, candidata do PSdeG por Lugo para as eleccións autonómicas do 12-X / PSdeG

A deputada parlamentaria e ex concelleira de Burela Patricia Otero será a secretaría xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo.

Otero impúxose ao alcalde de Castroverde, José María Arias, o seu rival nas primarias do PSOE lucense, con algo máis do 66% dos votos. A burelá recibiu 786 apoios, por 367 do seu opoñente.

A deputada parlamentaria mariñá -nacida en Monforte de Lemos no 1979- sucede así a Álvaro Santos Ramos, que presentou a súa renuncia no pasado mes de xuño.Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Otero tomou posesión do cargo como deputada parlamentaria no pasado mes de setembro. Comezou a súa carreira política como edil en Burela. Na súa primeira tentativa a ocupar a secretaría xeral do PSOE lucense cedeu ante Santos Ramos, ao igual que o fixo Arias.

AS AUTONÓMICAS, PRIMEIRO OBXECTIVO

A deputada no Parlamento galego deberá coser unha agrupación provincial inmersa nunha situación convulsa, que quedou patente coa demisión de Santos Ramos e o relevo de José Tomé en detrimento de Darío Campos como presidente da Deputación. Afín a Gonzalo Caballero, o primeiro obxectivo de Otero será sumar forzas de cara ás vindeiras eleccións autonómicas, no 2020.