InicioPolíticaGonzalo Caballero: "En Lugo non hai nada sólido en fronte, nin alternativa...

Gonzalo Caballero: “En Lugo non hai nada sólido en fronte, nin alternativa mellor que a que xa ofrece o PSdeG”

PUBLICADA O

- Advertisement -
Dentro dun ano hai eleccións municipais. Como ves ao PSdeG neses comicios, sobre todo, cando hai moitos candidatos que aínda non están elixidos, agás Abel Caballero e Lara Méndez?
O partido está traballando de cara as municipais aínda que é certo que a moción de censura pois ten mudado a nosa prioridade e inmediatez política. E no caso de Galicia, alí onde temos alcaldes e alcadesas pois a regra xeral establece que repitan como candidatos e a idea que temos é tentar perfilar á volta do verán os candidatos das grandes cidades. E, a partir de aí, abriremos todo o proceso ata as vindeiras municipais. O noso partido ten claro compoñente municipalista. Temos boa xestión nos concellos nos que gobernamos. Se lle preguntamos aos cidadáns de Vigo, Lugo, Santiago, A Coruña ou Ourense quen foron os principais alcaldes socialistas, os cidadáns pensan en alcaldes e alcaldesas socialistas. E, polo tanto temos un legado e unha traxectoria que nos acredita e temos que pular de xeito coordinado para avanzar posicións nas próximas municipais e permitir máis gobernos de progreso no conxunto das cidades.
E como ves a situación en Lugo?
No caso de Lugo eu penso que temos un bo goberno municipal, aínda que somos conscientes de que a aritmética da corporación implica certa complexidade á hora de ter xestionada as cuestións. En todo caso hai que poñer en valor que se acaban de aprobar os orzamentos para a cidade de Lugo e que, ademais, o goberno de Lara Méndez conseguiu 22 millóns de euros de fondos europeos e vai a haber unha capacidade de investimento de gasto moi importante para desenvolver proxectos , sobre todo, de contido social e de humanización para a cidade de Lugo. E nesa liña cremos que os gobernos municipais de Vigo e Lugo pois están en condicións de volver repetir nas súas cidades porque en ningún das dúas existe nada sólido en fronte, nin alternativa mellor que a que xa ofrece o PSdeG.
E neste escenario municipal tamén son importantes as provincias. Cres que ides conservar as deputacións que agora gobernades porque hai enquisas que prognostican cambios na Coruña e Lugo, sobre todo?
O PP está nunha fase de retroceso electoral en Galicia e en España que, ademais, vaise acelerar agora coa perda do Goberno español porque márchalle o mecanismo no que descansaba a estrutura de poder do PP e, polo tanto, a perspectiva que temos desde o PSdeG é de recuperación fronte a un retroceso do PP. Queda un ano para traballar e estamos convencidos de que podemos manter as deputacións nas que agora estamos.
E cos mesmos presidentes; con Carmela en Pontevedra, Valentín na Coruña e Darío en Lugo?
Temos tres bos presidentes nas deputacións e agora corresponde seguir traballando ata que se constitúan esas novas. E que non estamos aínda na fase dos nomes. Primeiro hai que poñer candidatos para as municipais e poñer en valor o bo traballo que están facendo en circunstancias distintas nas tres deputacións que, obviamente, tamén contan co respaldo do PsdeG.
Ti chegaches a esa dirección do PSdeG en contra de determinados dirixentes e baróns provinciais. Como é actualmente a túa relación con eles?
Eu gañei as primarias nas catro provincias e logo gañei o Congreso Nacional Galego con máis dun 70% dos votos.
Entón das por limados eses roces?
Eu creo que neste momento hai unha situación de estabilidade e de recuperación da normalidade do partido que é positivo. Este é o PSdeG, cun compoñente galego e galeguista, que ten unha dirección para todos os socialistas galegos. E todo isto o estamos facendo con plenta sintonía coa Executiva Federal e con Pedro Sánchez e iso é un elemento a favor de que os ventos soplen axeitadamente.
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG /PSdeG

E como está a relación agora co teu tío, coa alcalde de Vigo, Abel Caballero?

Abel Caballero é un alcalde de referencia cunha amplísima maioría absoluta que conta co respaldo de todo o partido para desenvolver as súas tarefas municipais como presidente da FEMP. Tamén é verdade que estes meses transcurriron con tranquilidade e con fluidez nesa liña de acción xeral que estamos acadando que é recuperar un PSdeG máis forte.
Xa sei que esta é unha cuestión que pode incomodar pero ti ben sabes que entre os dous houbo moitas tensións vindo ti, como ves, da Agrupación Socialista de Vigo…
Eu creo que desde o momento en que gañei as Primarias e o Congreso Nacional Galego o conxunto da organización entendeu a mensaxe da militancia que foi contundente e claro dándolle a esta dirección un respaldo importante e, polo tanto, iso é ao que me debo e o conxunto dos cargos e compañeiros do partido teñen entendido que, tanto cando gañou Pedro, como cando gañei eu en Galicia, que esa mensaxe das Primarias é a que prima tanto en España coma en Galicia.
Pero tes interlocución directa aberta con Abel Caballero, con Carmela, coa xente de Vigo?
O secretario xeral ten interlocución aberta con todo o socialismo galego e con todos os militantes porque a dirección do partido lle corresponde a Executiva Nacional Galega e, polo tanto, esa é a posición política na que estamos. Eu non sigo polo miúdo os aspectos municipais en cada un dos concellos de Galicia e aí respecto todos os ámbitos de decisión e, especialmente, no caso de Vigo no que goberna un alcalde cunha ampla maioría.
E xa entrando en cuestións máis persoais. Eu teño unha tendencia política e na miña familia hai xente que ten outras e, de cando en vez, pois discutimos. Por iso tamén me chama a atención o que acontece contigo e co teu tío Abel. A dúbida que teño é se vós agora coincidides en encontros familiares e acabades falando de política?
Eu penso que o ámbito familiar hai que deixalo na esfera do privado, pero a miña relación persoal con Abel Caballero ten sido sempre positiva no ámbito persoal, aínda cando temos estado en situacións políticas distintas dentro do Partido Socialista. Son discrepancias políticas que se teñen dado nalgún momento pero a realidade é que nos últimos tempos hai unha fluidez e sintonía recoñecendo os espazos políticos de cada quen. A el lle corresponde a alcaldía de Vigo e a min me correspode dirixir o PSdeG.
Esta é parte dunha longa entrevista publicada en Galicia Confidencial. Podes lela toda en GC.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...