O PP de Lugo asegura que o Partido Socialista é o “gran perdedor” das eleccións na provincia

A Xunta destina 900.000 euros a axudas para a mellora de infraestruturas urbanas en dez concellos da provincia.

LUGO (balseiro)

O dirixente do PP e delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Partido Socialista é o “gran perdedor” das eleccións municipais na provincia, nas que só houbo “un único gañador”, o Partido Popular.

“As eleccións só as gana un partido, e o partido que gañou as eleccións na provincia é o Partido Popular, é o partido que ten máis alcaldías que ningún outro, e é o partido que gañou as eleccións na cidade de Lugo”, manifestou.

Neste contexto, incidiu en que “o gran perdedor” na provincia é o PSOE porque “ten un deputado menos do que tiña”. “A pesar de ter a Presidencia da Deputación non foi capaz de manter a representación institucional que tiña”, manifestou.

“A política son ciclos e o partido socialista está neste momento nun ciclo alto. Está na onda”, asegurou para contrapor a baixada en Lugo da subida que experimenta o PSOE noutras provincias e cidades galegas.

Así, sinalou que “na cidade de Lugo” a rexedora en funcións, Lara Méndez, tivo “1.400 votos menos” e “ten menos apoio que o PSOE nas europeas”.

A FONSAGRADA E BARREIROS

Na súa intervención tamén se referiu á situación política nos concellos da Fonsagrada e Barreiros. Do primeiro afirmou que o partido máis votado foi tamén o PP, que pasou de ter dous concelleiros a cinco e igualar ao PSOE, que baixa o oito asentos que tiña no concello en 2015.

En canto a Barreiros, onde o BNG lograba imporse en votos ao PP empatando a cinco edís, fronte a un do partido socialistas, Balseiro sinalou que “quen ten a chave da gobernabilidade é o partido socialista”.

Balseiro compareceu este martes ante os medios para presentar o investimento de case 900.000 euros prevista pola Consellería de Medio Ambiente en dez concellos da provincia de Lugo, en axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas.

Estas subvencións diríxense a concellos de menos de 50.000 habitantes como son: Ribadeo, Cervo e Mondoñedo, na Mariña; Begonte na Terra Cha; As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Baralla na montaña; e Sarria e Láncara na comarca de Lugo centro.