O BNG cre que a constitución da Deputación de Lugo se demorará un mes polas reclamacións en Monterroso

Respecto da situación do concello da Fonsagrada, o portavoz do BNG, Xosé Ferreiro, atribúe o enredo para formar goberno ao PP.

O representante do BNG na Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) e portavoz nacionalista na Deputación, Xosé Ferreiro | Europa Press

O portavoz do BNG na Deputación de Lugo e concelleiro electo en Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, cre que a constitución da corporación provincial se demorará ata finais de xullo polo recurso presentado polo PSOE nas eleccións celebradas no municipio de Monterroso e que aínda está pendente de resolución.

Este venres, o nacionalsita lembrou que “se hai calquera tipo de recurso nalgún dos concellos da provincia, a deputación non pode constituírse ata que estean constituídos todos os concellos”. “Todos os concelleiros da provincia teñen dereito a poder participar na elección de deputados provinciais, co cal se hai algún recurso, demorarase”, insistiu.

E é que a reclamación, aínda pendente de resolución, presentada ante a xunta electoral polo Partido Socialista de Monterroso na que piden a validación dun voto que foi declarado nulo pode derivar nun adiamento da constitución da corporación provincial –prevista para a segunda quincena deste mes de xuño-.

En función do que ocorra neste concello, o portavoz nacionalista anticipa que a constitución “podería atrasarse ata un mes“, algo que xa acotenció fai catro anos na Deputación da Coruña.

Así as cousas, Ferreiro confirma que aínda non se iniciaron os contactos co PSOE para a configuración dun goberno provincial “bipartito” entre socialistas e nacionalistas, que suman 13 deputados fronte aos doce asentos que ocuparán os populares.

A Fonsagrada

Ferreiro tamén se referiu á situación que se vive no Concello da Fonsagrada, onde existe un “enredo” que atribúe ao PP, xa que os populares fixeron pública a súa oferta de facer alcaldesa á única concelleira nacionalista para impedir que siga gobernando o socialista Argelio Fernández.

Socialistas e populares empataron a cinco edís nas eleccións celebradas neste muncipio da montaña lucense, aínda que o PP foi a lista máis votada.

Ferreiro recoñeceu que a situación foi abordada “cos compañeiros” da Fonsagrada “e para nada estaban dispostos a asumir un concello cunha única concellaría”. “Non sería aceptable polo conxunto dos veciños da Fonsagrada”, resolveu.

“Terá que gobernar ou ben o PP ou ben o PSOE que teñen os mesmos concelleiros, se hai acordo (entre socialistas e nacionalistas) supoño que seguirá gobernando Argelio (Fernández) e se non a lista máis votada é a do PP. Nós imos traballar con toda normalidade democrática, goberne quen goberne”, ha insitido.