Lara Méndez acusa de “bloqueo conxunto” contra ela ás “tres dereitas” en Lugo

"Xa o vimos nas xerais, vimos como o tres dereitas non só lle abrían as portas a Vox na campaña senón que xa lle abriron a porta a Vox no goberno de Andalucía", apuntou Méndez.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Óscar Bernárdez
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Óscar Bernárdez (Arquivo)

A alcaldesa de Lugo e candidata polo PSOE á reelección, Lara Méndez, acusou as “tres dereitas” de facer un “bloque conxunto” contra ela no concello.

A rexedora pronunciouse deste xeito, despois de que a aspirante á alcaldía por Ciudadanos, Olga Louzao, pedise que os que se mobilizaron por Vox o fagan agora para frear á candidata á reelección, segundo publicou ‘La Voz de Galicia’.

Respecto diso, Méndez enmarcou as declaracións de Louzao nun “deja vù” e considerou que existe un “paralelismo” entre a política estatal e a de Lugo. “Nas xerais fixeron un bloque de tres dereitas contra Pedro Sánchez pero non contra as súas políticas, senón contra Pedro Sánchez, o mesmo que están a facer aquí, ese bloque conxunto, contra Lara Méndez”, asegurou en referencia a si mesma.

“Xa o vimos nas xerais, vimos como as tres dereitas non só lle abrían as portas a Vox na campaña senón que xa lle abriron a porta a Vox no goberno de Andalucía”, apuntou.

Estamos a ver xa os efectos prácticos desas políticas, como están a ir contra os funcionarios que xestionan temas tan delicados como a violencia de xénero”, manifestou a rexedora do PSdeG, que criticou que estas forzas nunca presentasen “ningunha alternativa” na cidade.

Por iso, mostrou a súa preocupación polo feito de que poida haber un “goberno de tres dereitas” na coidade coa entrada de Vox na corporación local. “Traballaremos para que non sexa así e para que o progreso siga implantado na cidade“, apuntou.