O Concello de Lugo aprobará o mércores a peonalización da Milagrosa

O proxecto de peonalización afectará á rúa Milagrosa entre Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez – Contará cun orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de 6 meses

Detalle do proxecto de peonalización da Milagrosa | Concello de Lugo

O goberno local de Lugo aprobará este mércores os primeiros trámites de contratación das obras de peonalización da Milagrosa. A medida adscríbese á estratexia do Concello para, segundo explican dende o grupo socialista, continuar humanizando a cidade e colocala na tendencia das cidades europeas, beneficiando a calide de vida, o incremento da actividade económica e do turismo, e a mellora dos desprazamentos.

Os traballos desta iniciativa contan cun orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Trala aprobación do investimento, as empresas interesadas terán 20 días naturais para presentar ofertas na web do consistorio.  A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, xa peonalizadas.

Características da intervención

Con tal fin cómpre a reurbanziación total do espazo, dada a disparidade da contorna –pavimentos, distintos niveis en calzada e beirarrúa, diversas pendentes–, para facelo continuo e permitir amais a correcta evacuación das augas. Por outra banda, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, como o quiosco, xogos e bancos, coa finalidade de satisfacer as necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, dunha zona de reunión, de esparexemento e lecer.

A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material ecolóxico reciclado, unha premisa enmarcada no compromiso do executivo cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Un dos obxectivos do proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso á sombra. Así, crearase unha zona axardinada no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario arredor.

Tamén serán colocados bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel coa fronte da igrexa. Manteranse os puntos de luz en fachada e substituiranse as farolas existentes por un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED, un tipo de luminaria máis sostible.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios. E a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here