Asesoramento gratuíto a persoas con dificultades económicas

Deputación, Concello de Lugo e Colexio de Graduados Sociais asinan un convenio de colaboración para prestar este servizo.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Óscar Bernárdez
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Óscar Bernárdez

A Deputación, o Concello de Lugo e o Colexio de Graduados Sociais subscribiron un convenio para implementar un servizo de información e asesoramento gratuíto dirixido a persoas con dificultades económicas na provincia.

A Deputación achega 30.000 euros co obxectivo de dar cobertura ao convenio, ao que se poderán adherir os preto de cen graduados sociais que hai na provincia.

Manuel Núñez,Colexio presidente do Colexio de Graduados Sociais, dixo que se trata do “acto máis importante desde que existe o colexio”, destinado a “atender a todas aquelas persoas carentes de medios para que se lles oriente e asesore gratuitamente en calquera recuncho da provincia”.

Precisou que será un asesoramento “sociolaboral”, é dicir, “todo o que teña que ver con pensións, con xubilacións, prestacións da Seguridade Social, en temas de xustiza no xulgado do Social e mesmo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”. “Toda clase de prestación da Seguridade Social e todo o que teña que ver co dereito do traballo”, detallou.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou na firma do convenio na sede colexial, xunto cos deputados Álvaro Santos e Sonsoles López Izquierdo.

Méndez destacou que isto “significa unha nova oportunidade para xente que esta pasando momentos de dificultade, para persoas con escasos recursos“. “Por iso quero darlle as grazas ao presidente do colexio, a Manuel Núñez Carreira, pola súa implicación persoal porque levamos meses traballando para materializar hoxe este convenio”, indicou.

O acordo vai dirixido, insistiu, a “aquelas persoas que o están pasando peor, aquelas persoas que sofren da forma máis virulenta as consecuencias da crise económica e que precisan de asesorarse en canto a xubilacións, ERE, pensións, persoas físicas ou mesmo pequenas ou medianas empresas que non teñen capacidade para contratar recursos de asesoramento”.

“Esta é unha plataforma imprescindible para que moitas persoas poidan facer valer os seus dereitos sen que lles supoña un esforzo económico ou capacidade económica que non teñen a día de hoxe”, ha cocluido a rexedora.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here