Bisagras de Papel: xenealoxía para aprender a vivir

Bisagras de Papel ofrece servizos de xenealoxía, traballos documentais que contextualizan as árbores familiares e rescatan persoas esquecidas

Helena González, creadora de Bisagras de Papel, a empresa lucense especializada en xenealoxía | Óscar Bernárdez
Helena González, creadora de Bisagras de Papel, a empresa lucense especializada en xenealoxía | Óscar Bernárdez

Bisagras de Papel é unha empresa de Lugo especializada en xenealoxía, a ciencia que estuda os antecesores da persoa escollida. Centrada nos devanceiros galegos, Helena González recibe clientes da provincia e tamén da emigración, de Estados Unidos, da Arxentina ou México, para quen contextualiza árbores familiares. Trátase dun traballo moi específico no que aplica cualidades propias (a intuición, a perseverancia) e outras que colleitou (o método).

O  traballo na xenealoxía consiste na revisión do rastro documental da persoa sobre a que se investiga, comprobando o rexistro civil –de 1870 en adiante–, os arquivos da igrexa e militares, así como a hemeroteca. A miúdo o punto de partida son os testamentos e as partidas de nacemento, procurando datos básicos e tamén outros que permiten entender o tipo de vida que levou, se era orfa, ou tivo un segundo matrimonio.

A construción do perfil ten un complemento chave na bibliografía sobre antropoloxía ou historia, referencias obrigatorias para contar algo máis que nomes e datas. Cada individuo é situado no lugar de orixe, calibrando a importancia da familia ou o oficio desenvolvido no panorama económico e social do momento. Combinando estes aspectos complétase a biografía do individuo e queda integrado na árbore familiar, nun esforzo que para remontar cinco ou seis xeracións pode acadar dous meses e medio de pescudas.

A través de Bisagras de Papel, Helena prepara presentacións e relatos que, cada vez máis, son procurados como agasallos. O proceso é lineal, está cheo de “momentos de gloria” e de días frustrantes. Consiste, en poucas palabras, “en tirar do fío”, e adoita requerir de redes de traballo e pedidos de información que ralentizan a investigación.

É por isto que o compromiso do cliente é fundamental, tanto para achegar información como para comprender a complexidade do traballo. A fonte máis habitual é a dos arquivos diocesanos, sendo máis complicado nas parroquias illadas. Helena acode normalmente aos bispados de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, e a arquidiocese de Santiago de Compostela. Outros arquivos de utilidade son os municipais ou o do Reino de Galicia.

Mais Helena vai alén da xenealoxía elemental. Adica atención ás curiosidades, as anotacións máis minuciosas. Rescata nomes e apelidos do anonimato e recoñece que hai un interés persoal detrás, pois investigar toda a vida da personaxe pode resultar adictivo. O primeiro experimento de xenealoxía foi precisamente a identificación da orixe dun apelido de seu pai, e que realizou como agasallo.

Iniciou o proxecto en xuño de 2016, nun intre no que compaxinaba outras ocupacións, e que coincidiu coa participación no Inicia Coworking e o Lean Start Up organizados pola Escola de Organización Industrial (EOI) e o Concello de Lugo, e nos que aprendeu a ser máis receptiva con respecto ao cliente. No comezo, asociadaba a xenealoxía con estereotipos masculinos, a heráldica e a historia escrita por homes.

Esta visión foi cambiando, axudada polo referente de Mireia Nieto, e dende hai ano e medio adícase en exclusiva á investigación. Discreción e implicación definen a actitude de Helena, que reitera a importancia dos vínculos emocionais á hora de afinar as pescudas. A constancia comeza a dar froitos neste 2019, coa “entrada constante” de clientes.

Bisagras de Papel, denominación que irmanda os conceptos de apertura e encaixe, desenvolve o que Helena entende por xenealoxía popular, un modelo de negocio máis habitual noutros países. Reflexiona esta emprendedora en que cómpre visibilizar que “todos vimos dalgún sitio”, porque cada individuo foi importante en maior ou menor medida. No repaso dos documentos, atopa perspectiva sobre as dificultades vitais e o sentimento de pertenza a algo máis grande. “A xenealoxía ensina a vivir”.

A da memoria é unha cuestión pendente, e a xenealoxía axuda tamén a dimensionar a represión fascista (representada en Lugo polo Vello Cárcere) e o horror dos campos de exterminio. A investigación permite descobrer ás mulleres agochadas pola historia, soterradas baixo descripcións uniformistas e desvalorizadoras. É difícil atopar a profesión das mulleres, incluso aquelas que foron notorias e escapaban da economía somerxida.

Para darse a coñecer, Helena confía nos propios contactos persoais, na presenza en obradoiros e na prensa. Así e todo, o marketing dixital representa un activo “básico” na ecuación, e incluso antes de comezar oficialmente traballara na páxina web, o blog e as redes sociais. Tan importante é o posicionamento, que o primeiro cliente apareceu a través de Facebook.

Bisagras de Papel é unha “empresa viva”, que evoluciona de xeito constante. Dentro do marco da xenealoxía contemporánea, está aberta colaboracións e a novos desafíos, coma o audiovisual. En datas vindeiras, continuará a participar de obradoiros, e seguirá presentando mes a mes sorteos e adiviñas sobre historias increíbles e personaxes que atopa durante as investigacións, e que comportan sesións gratuítas.

Así viviron os trinta e catro lucenses en Mauthausen

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here