InicioEconomíaA modificación do PEPRI desbloquea a confluencia de San Roque coa Ronda

A modificación do PEPRI desbloquea a confluencia de San Roque coa Ronda

O desenvolvemento urbanístico da zona permitirá eliminar a pasarela, completar a beirarrúa e mellorar a seguridade e a accesibilidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

A  modificación puntual do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) permitirá finalmente o desenvolvemento urbanístico fronte á porta de San Pedro. Nesta zona conflúen, nun sistema de circulación mal rematado, a rúa San Roque, a Ronda da Muralla, Montero Ríos e o Carril das Flores. Pero, de cara a eliminar a pasarela e acondicionar os accesos peonís, o Concello de Lugo requería do prace da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta.

O pronunciamento positivo do departamento autonómico e do ICOMOS, a organización vencellada a Nacións Unidas que administra sitios protexidos, permitiu ao goberno local aprobar a modificación puntual do PEPRI no rueiro 214A, onde coinciden dous patrimonios da humanidade, a Muralla e o Camiño Primitivo. Así, o Concello dispón do permiso para mudar de xeito radical o vértice perante a porta de San Pedro.

Este lugar emblemático precisa de melloras en seguridade e accesibilidade. Previa notificación á Dirección Xeral de Urbanismo, o executivo elevará a proposta aprobada provisionalmente a pleno, para o seu debate e vista definitiva. O proxecto comprende tres actuacións na vía pública entre San Roque e a Ronda da Muralla, ángulo de intersección con Montero Ríos e o Carril das Flores.

Tal e como adiantou o voceiro municipal, Miguel Fernández, as accións pasan pola eliminación da pasarela existente, a continuación da beirarrúa de San Roque ata a unión con Montero Ríos, e a ampliación do Carril dos Fornos, treito pertencente ao Camiño Primitivo. Estes cambios terán un considerable impacto visual e mellorarán a seguridade e a accesibilidade na contorna.

O Bloque propón eliminar o tapón de Montero Ríos

Aproveitando o que consideran un paso importante, dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que é tempo de resolver a barreira urbanística que ocupa o número 2 da rúa Montero Ríos. A edil nacionalista Maite Ferreiro considera que este punto é perigoso pola reducción da beirarrúa nun sitio de paso canda a parada de bus. A área, lembran dende a formación frentista, ten gran valor polo paso do Camiño Primitivo; porén, o predio ten un valado dende hai anos, unha situación de abandono que prexudica a imaxe desta icona monumental. Por iso, solicitan que a modificación do PEPRI permita retirar o tapón.

A concelleira nacionalista Maite Ferreiro á beira do tapón de Montero Ríos | BNG
A concelleira nacionalista Maite Ferreiro á beira do tapón de Montero Ríos | BNG

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...