InicioSociedadeRecambios Frain busca saír adiante e confía en manter todos os postos...

Recambios Frain busca saír adiante e confía en manter todos os postos de traballo

Esta empresa foi unha das máis afectadas polo incendio no polígono do Ceao. O seu propietario, Francisco Dorado, mostrouse crítico co operativo de emerxencias: "Algo non funcionou. Isto puido ser un caos"

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE |  A empresa Recambios Frain, unha das máis afectadas polo incendio que calcinou tres naves industriais e afectou outras tantas no parque empresarial do Ceao, en Lugo, está a tomar decisións e adoptando medidas para que a súa actividade se vexa o menos limitada posible por esta traxedia. O seu propietario, Francisco Dorado, confirmou que a súa intención é manter a todos os seus traballadores.

En declaracións a Efe, explicou que, despois de todo o sucedido, chega o momento “da reflexión para poñelo todo a andar de novo”, sobre todo de “repoñer mercadoría” para seguir ofrecendo servizo aos seus clientes.

O incendio arrasou a nave da división de pneumáticos da empresa, pero Dorado explicou que a empresa estaba a piques de terminar a construción doutra nave, “practicamente enfronte”. Nesa nova sede están a almacenar o material que lograron recuperar das instalacións queimadas.

Recoñeceu, en todo caso, que determinada mercadoría, que Frain importa doutros países, podería tardar uns tres meses en chegar, de modo que a empresa está xa buscando alternativas “para cubrir ocos” e para “manter o emprego”. “Había a posibilidade de meter nun ERTE a máis de 20 empregados que se dedicaban ás rodas”, dixo o empresario lucense, “pero non todo é diñeiro na vida”.

“Os traballadores presentáronse o domingo preguntando en que podían axudar, como podían botar unha man. Iso é unha satisfacción. É algo de agradecer. Non podemos mandalos a un ERTE así como así”, engadiu.

En canto ao incendio, mostrouse crítico coa resposta por parte do operativo de emerxencias. “Isto non podía pasar. Puido ser gravísimo. O lume estivo a dez metros do Progreso e a 10 metros dunha gasolineira. Isto puido ser un caos. Algo non funcionou. Que o miren, para que non volva suceder. Nós tentaremos saír adiante como poidamos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...