InicioEconomíaIncendio no Ceao: as perdas estimadas ascenden a "entre 12 e 15...

Incendio no Ceao: as perdas estimadas ascenden a “entre 12 e 15 millóns de euros”

O dono de Recambios Fraín desbota que o lume fose intencionado e apunta a un posible curtocircuíto. Os empresarios coinciden en reclamar maiores investimentos para renovar un polígono anticuado.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O dono de Recambios Fraín, unha das naves que ardeu por completo no polígono industrial do Ceao, Francisco Dorado, advirte de que “o día seguinte é peor que o mesmo día”.  O grave incendio que afectou a varios negocios deixou unha “noite longa” na que durmiron “pouco”, sobre todo “pola impotencia de ver que non se solucionou o problema antes de que arderan tantas naves”.

“Por pouco non chegaron (as chamas) á gasolineira e á nave do Progreso, e é que por pouco non arde toda a rotonda. De milagre! O vento foi cara abaixo, pero se o vento cambia leva toda a rotonda por diante”, relatou.

Dorado sinala que finalmente arderon “cinco naves e unha quedou tocada”. Segundo afirma, “as perdas son millonarias”, posto que “aí había camións, furgonetas, rodas” e as propias edificacións. Calcula “unhas perdas de entre 12 e 15 millóns de euros”.

“Eu estiven aí desde o primeiro momento e vía que ía ardendo e que non había medios para sufocalo, non se podía facer nada. Non había suficientes medios”, criticou o propietario desta empresa de repostos do automóbil.

Interpelado sobre se cre que foi “intencionado”, o empresario lucense pensa máis ben nun “curtocircuíto”. “O polígono do Ceao é moi vello, ten máis de corenta anos. Penso que foi un curtocircuíto”, incidiu.

“NON PODE HABER CABLES COLGANDO”

Por iso, Francisco Dorado reivindica que se “actualice” ese polígono industrial e denuncia que “non pode haber cables colgando das fachadas, e tampouco había a presión suficiente de auga porque está anticuado”.  “Ten que haber un antes e un despois, alguén ten que analizar o que pasou e por que pasou e tamén por que se tarda tanto solucionalo”, protestou.

O dono de Fraín censura que “non ten sentido qe o lume empezara ás seis da mañá e que ás nove estean a empezar a arder” outras nave, que neste caso eran as súas. “As rodas non arden así por así, ten que prender lume nelas. Unha vez que prende é moi difícil de parar. Agora mesmo séguese botando auga”, puntualizou.

OS EMPRESARIOS, “CONSTERNADOS”

Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, asegurou que o tecido empresarial está “consternado” ante este “accidente”. “Foi un caso fortuíto, que provocou unha situación complicada para empresas históricas de Lugo, con moitos traballadores e moitas familias que ven no aire o seu día a día“, lamentou.

Á súa vez, López sinalou que desde hai anos a organización vén dicindo “que o polígono industrial máis importante da cidade de Lugo necesita un esforzo investidor por parte das administracións, de forma permanente para o seu mantemento e conservación”. “Onte tivemos a fortuna de que o vento levou esa nube nova fóra da contorna da cidade. É necesario unha mellora das infraestruturas do Ceao”, apremou.

Jaime López explicou que son “seis as empresas afectadas, e ao redor de cen os traballadores” que irán “a unha suspensión de emprego, que non de soldo, sempre que non se recupere a actividade das súas empresas”.

Tamén instou a que “as compañías de seguros reaccionen de forma rápida á hora de anticipar os recursos indemnizatorios a estas empresas para que poidan continuar coa súa actividade e non teñan perdas de clientes ou calquera outro trastorno”.

PROBLEMA DE PRESIÓN DA AUGA

Pola súa parte, o goberno municipal de Lugo desvincula o alcance do lume da presión da auga para sufocalo. Atribúeno aos materiais que arderon e á escasa distancia entre naves. “A envergadura do incendio e, sobre todo, as consecuencias que tivo, non gardan ningunha relación coa presión nin co caudal da auga dos hidrantes do polígono, que se atopa abastecido cun depósito propio”, indicou o de momento edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos.

O Partido Popular urxiu unha solución a esta problemática “grave” que complica a actuación dos bombeiros en situacións coma a deste domingo. Piden, tamén, revisar o plan de emerxencias municipal, sen actualizarse “desde 2007” e no que “mesmo” non figuran algúns barrios de Lugo.

Despois do incendio “máis grave da historia desta cidade”, aplaudiu o “traballo excepcional” polo que se logrou sufocar o lume, pero aproveitou para pedir “dotar de medios humanos e materiais aos bombeiros”, xa que a cidade ten “menos da metade dos bombeiros que necesitaría unha cidade de case 100.000 habitantes”.

O Concello mantén un peche perimetral na zona máis afectada para garantir a seguridade. O Consistorio tamén precisa que o servizo de arquitectura elaborará agora un informe para determinar o alcance dos danos estruturais, que, “nalgúns casos, obrigarán á demolición de parte ou da totalidade das construcións”.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...