InicioEconomíaControversia polo uso provisional da traseira do cuartel de San Fernando

Controversia polo uso provisional da traseira do cuartel de San Fernando

As obras para crear un xardín de pedras aproveitando a demolición parcial do cuartel de San Fernando son de carácter provisional ata decidir o uso definitivo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A decisión do goberno local de Lugo sobre a traseira do cuartel de San Fernando pon de novo o foco no emprego de cartos públicos. Como medida provisional ata atopar o uso definitivo, o Concello autorizou a creación dun xardín de pedras canda o muro do edificio, declarado Ben de Interese Cultural e rehabilitado en parte. A obra supón un custe de 6.000 euros para un acondicionamento sinxelo deste terreo, 1.000 metros cadrados recuperados para uso público logo da demolición parcial do muro e da vella lavandería.

Para o Bloque Nacionalista Galego, esta medida incumpre a decisión do pleno da corporación. A edil Maite Ferreiro lembrou que en xullo de 2016 foi aprobada, por unanimidade, unha proposición para levar ao recinto amurallado unha nova zona de xogos. En novembro dese mesmo ano, a formación frentista especificou que o parque infantil podería ubicarse na parte traseira do cuartel de San Fernando.

A concelleira nacionalista subliñou que o grupo socialista, que ostenta a alcaldía, votou a favor desta proposición do Bloque. “E agora vemos como executan unha obra en contra do seu propio parecer, gastando 6.000 euros e sen dar solución a unha demanda veciñal evidente”, censurou.

Plano da intervención provisional na traseira do cuartel de San Fernando | BNG
Plano da intervención provisional na traseira do cuartel de San Fernando | BNG

Dende o BNG explican que o centro de Lugo carece de instalacións abondo para as cativas, o que implica ringleiras para acceder ás zonas de xogo. Dentro do perímetro da muralla existen dúas zonas desta clase, “insuficientes ademais de estar nun deficiente estado de conservación”, advertiu Ferreiro. “Unha delas, a do Campo Castelo, está totalmente saturada e a do Cantiño atópase nunha zona de pouco tránsito”.

A consideración do Bloque coincide coa de Lugo Monumental. Na asociación empresarial amosan a súa inquedanza polas rochas que ocupan parte da parcela, que “inhabilita esa área” para os xogos infantís ou o paseo. Este tipo de propostas, sinalan, son lóxicas cando se tenta crear unha separación física, mais non é axeitada para un espazo recuperado para uso público. “Tras décadas tapiada, a zona debería ser transitable e aproveitable para levar vida a estas rúas”.

Así, en Lugo Monumental solicitan un novo parque infantil que alivie a situación do sito en Campo Castelo, cun área de máquinas e un pequeno xardín de céspede e bancos. Esta intervención tería que ir da man da peonalización de toda a zona, “obxectivo que tarde ou cedo haberá que acadar” para dar a este lugar “o protagonismo que se completa co colexio Quiroga Ballesteros e o futuro Museo da Romanización“.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...