O Concello de Lugo acata a sentenza sobre a Fábrica da Luz que o obriga a pagar 2,5 millóns

O concello desistiu recorrer a sentenza ante a posibilidade de perder no Tribunal Supremo.

Fábrica da luz de Lugo / Youtube

O Concello de Lugo anunciou que acata a sentenza do TSXG sobre a Fábrica da Luz e non presentará un recurso de casación ante o fallo que obriga ao consistorio a abonar 2,5 millóns de euros á empresa Imca.

Nun comunicado, o goberno local avanza que, unha vez executada a sentenza, a súa intención é “recuperar este espazo xa moi deteriorado polo paso do tempo debido a todo o proceso xudicial”. Na sentenza emitida polo Alto Tribunal galego a mediados de decembro, os maxistrados consideran ao goberno lugués responsable da caducidade do contrato subscrito en 2008 coa empresa Imca, á que deberá indemnizar con 2,5 millóns de euros.

A decisión de non recorrer a sentenza ante o Tribunal Supremo débese, segundo explica o consistorio lugués nun comunicado, a que o desaproba un informe da asesoría xurídica municipal, que advirte a “pouca garantía de éxito do mesmo”.

Por tanto, o executivo local que encabeza Lara Méndez decidiu proceder á execución da sentenza. Para iso, e co obxectivo de “minorar os custos económicos” para as arcas municipais, alcanzaron un acordo coa empresa para só facer fronte aos intereses desde a notificación da sentecia ata a firma deste pacto, no que se fixa a forma de abono da indemnización divididos en dous pagos.

Segundo explica o concello, quedaría pendente un terceiro pago de case 725.000 euros (en concepto de dano emerxente), supeditado a que a empresa entregue ao concello a documentación pertinente. No caso de que a compañía cumpra con este punto, o concello deberá facer fronte a este terceiro pago antes do 1 de marzo de 2022.