Autorizada a electrificación do tramo ferroviario entre Lugo e Monforte

O Goberno deu luz verde a estes labores por un valor de 17,5 millóns de euros.

Os traballos de electrificación realizaranse no tramo ferroviario comprendido entre Monforte de Lemos e Lugo. MITMA

O Consello de Ministros autorizou os traballos de electrificación do tramo ferroviario comprendido entre Monforte de Lemos e Lugo por un valor estimado de 17,5 millóns de euros sen IVE.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) poderá, mediante Adif, licitar as obras, cuxo prazo de execución ascende a 18 meses, segundo trasladou o departamento. Esta actuación enmárcase nas levadas a cabo para a mellora da “calidade e fiabilidade” da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo.

Deste xeito, instalarase a liña área de contacto de 25 quilowatts de corrente alterna entre as estacións de Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, o que leva unha velocidade de deseño da catenaria de 200 quilómetros por hora.

Así, electrificarase un tramo de máis de 73 quilómetros situado entre os puntos quilométricos 363/403 e 436/605 da liña León-A Coruña e que comprende as estacións de Rubián, Oural, Sarria, A Pobra de San Xiao, Laxosa, Lugo e Lugo Mercadorías.

Esta licitación enmárcase nas actuacións que buscan mellorar as condicións de explotación comercial do traxecto no tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, que se atopa en servizo. Estas actuacións inclúen a adaptación da infraestrutura ás novas condicións de explotación, a realización do cambio de electrificación de 3 a 25 quilowatts no tramo Ourense-Monforte de Lemos e a electrificación a 25 quilowatts no comprendido entre Monforte e Lugo. Así mesmo, o pasado mes de abril de 2018 entrou en servizo a variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo.