O TSXG obriga a empresa de recadación municipal de Lugo a subir un 20% o salario dos empregados

Tras unha denuncia da CIG, a Sala entende que a concesionaria debe cumprir cos beneficios que indicaba na oferta de contratación.

Tribunal Superior da Xustiza de Galicia | LX

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a empresa do servizo de recadación municipal de Lugo -adxudicado a Xestión Tributaria Territorial SA (GTT)- a subir un 20% o salario do seu persoal.

Tras unha denuncia da CIG, nun fallo con data do 24 de novembro o TSXG sentencia que o persoal ten dereito a percibir un 20% máis sobre o salario base do convenio colectivo, tal e como se recollía na oferta presentada pola empresa. E é que esta mellora social foi un dos elementos que permitiu á compañía obter unha maior puntuación no concurso e facerse co contrato municipal.

Aínda que en primeira instancia a demanda foi desestimada por un xulgado do social de Lugo, a decisión foi recorrida e agora o TSXG dá a razón á parte social, posto que “tales beneficios aos que se comprometía (GTT) non poden ser minorados, en base a unha decisión unilateral da empresa que vai en contra do pactado e ademais en prexuízo de terceiros”.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, considera que esta sentenza “deixa en evidencia un tipo de práctica moi habitual nos procesos de contratacións públicas”, xa que as empresas concorren con ofertas de melloras sociais, pero “logo pretenden escamotear estas melloras”.

Por iso, a CIG esixe a Xestión Tributaria Territorial SA que “non demore máis a regularización dos salarios do persoal deste servizo”, dado que “levan máis dun ano agardando polo incremento comprometido”. Así mesmo, empraza ao Concello de Lugo a que vele pola execución do fallo.

Contra esta resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cabe interpor recurso de casación.