Feijóo e a súa campaña de apoio ao rural: “Estamos orgullosos de Leite Río”

O presidente da Xunta anunciou unha nova estratexia para a transformación do 75% do leite en Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, reúnese cos directivos do Grupo Leite Río | LX

EFE | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou este luns a fábrica do Grupo Leite Río no Polígono do Ceao (Lugo) e aproveitou para anunciar unha nova estratexia de profesionalización do sector lácteo galego co obxectivo de chegar a transformar o 75% do leite que se produce aquí.

Tras a reunión que mantivo con directivos de Leite Río, Feijóo explicou que co Plan Estratéxico do Sector Lácteo “queremos pasar do 50 ao 75% do leite que se produce en Galicia” para gañar valor engadido a través da transformación da materia prima en produtos elaborados.

Durante a súa intervención, lembrou que o sector lácteo galego produce “o 42 % do leite de toda España” e atópase entre “as oito rexións con maior produción láctea de Europa”. A súa relevancia tamén vén apoiada polas cifras de facturación: máis de 800 millóns de euros ao ano, coa produción e transformación de 2’8 millóns de toneladas de leite.

LOUVANZAS A LEITE RÍO

“Non se explica Galicia sen o rural e non se explica o rural sen a produción de leite”, engadiu Feijóo, quen tamén destacou o desenvolvemento alcanzado por este sector e por uns gandeiros que están “a competir con gandeiros franceses, holandeses, alemáns” nun mercado global.

Do mesmo xeito, Feijóo louvou a empresa Leite Río, da cal destacou o seu compromiso co rural, reflectido nas máis de 450 explotacións coas que traballa e coas que emprega unhas “2.800 persoas”. “Tenacidade, esforzo e inconformismo son as calidades que definen a esta empresa”, dixo o presidente da Xunta, quen tamén lembrou a figura do fundador Jesús Lence, finado o pasado ano. “Estamos orgullosos de Leite Río. Queremos que se siga consolidando e que se siga expandindo. Que lle vaia ben”.

A ESTRATEXIA

No tocante á nova estratexia do sector lácteo, que será presentada o vindeiro mércores polo goberno galego, Feijóo subliñou que esta iniciativa contará con cinco eixos: produción, industria, mercados, cadea de valor, formación e innovación.

Entre outras accións, co desenvolvemento dese plan aspírase a “aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo na transformación industrial”, detallou Feijóo, quen tamén aclarou que para iso poñeranse en marcha campañas de promoción das propias denominacións e a adaptación dos formatos e envases ás demandas do consumo.

Así mesmo, no ámbito da I+D+i e da profesionalización da industria, o presidente da Xunta destacou melloras en materia de formación, concretamente en aspectos referidos á tecnoloxía industrial, a loxística e a seguridade alimentaria. O plan estratéxico tamén inclúe “un proxecto de investigación do sector coas universidades para reducir a pegada de carbono” das granxas galegas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here