Os hostaleiros solicitarán que o Concello prorrogue os permisos para as terrazas

Solicitarán a ampliación das licenzas especiais para ampliación ou instalación de terrazas na capital que se puxeron en marcha a mediados do mes de maio.

Terrazas en Campo Castelo | LX

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl) solicitará ao Concello de Lugo que prorrogue os permisos para as terrazas.

O seu presidente, Cheché Real, reunirase esta semana coa alcaldesa, Lara Méndez, para solicitar a ampliación das licenzas especiais para ampliación ou instalación de terrazas na capital que se puxeron en marcha a mediados do mes de maio, para facilitar a situación do sector hostaleiro tras a pandemia pola COVID-19.

Estes permisos, concedidos polo Concello tras a petición da propia asociación, tiñan vigor desde o pasado 23 de maio ata este próximo 31 de agosto.

Por iso, os hostaleiros de Lugo pedirán á rexedora que “se amplíen estes prazos da maneira máis sinxela e áxil posible para seguir apostando polo apoio aos hostaleiros, profesionais que están a atravesar por unha época moi difícil“.