O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este venres un investimento de case 600.000 euros na mellora dos firmes de catro estradas provinciais dos concellos de Barreiros, Monforte, Bóveda e Trabada.
Así o avanzou na rolda de prensa na que, xunto á vicepresidenta Maite Ferreiro, explicou os asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada este venres, na que se aprobaron os proxectos e a licitación das obras para acometer estas actuacións.
En concreto, desenvolveranse nas seguintes vías: En Barreiros, na LU-P-0610, na que se acometerán melloras en dous quilómetros (entre os puntos 3,400 e 5,400). O orzamento basee de licitación é de 115.712,18 euros.
En Monforte, a deputación continuará coa mellora da estrada que une a cidade co núcleo de Currelos, no Saviñao, a LU-P-3202, na que xa se acondicionaron 1,4 quilómetros o pasado ano, e agora, con este proxecto, acturará noutros case tres quilómetros (entre os puntos 4,000 e 6,800) cun investimento de 158.135,49 euros.
En Bóveda, a institución provincial rehabilitará o firme da estrada LU-P-0907, que une os municipios de Bóveda e Paradela, coñecida como a estrada de Remesar. As obras afectarán os tres primeiros quilómetros da vía, parte da parroquia de Teilán, en Bóveda, en concreto, entre os puntos quilométricos 0,350 e 3,250, e o orzamento co que saen a licitación ascende a 110.730,51 euros.
A Deputación de Lugo completará tamén a mellora do firme da estrada provincial LU-P-5506, que conecta Aguaxosa con Trabada, e que supón a principal vía de comunicación deste municipio coa capital da provincia.
Segundo lembrou a institución provincial, a pavimentación desta vía, que pasa tamén polos concellos de Riotorto e A Lourenzá, fíxose por tramos nos últimos anos e quedaban o case catro quilómetros que agora se van a mellorar (entre os puntos 0,220 e 4,140), cun investimento próximo aos 200.000 euros.
O prazo de execución de cada un dos catro proxectos tamén é o mesmo, de nove meses desde o inicio das obras, polo que, segundo avanzou o presidente, estarán previsiblemente finalizadas na primavera.
ADXUDICACIÓN DE DOUS CONTRATOS
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de dous contratos: o de mantemento de portas automáticas dos edificios da Deputación, por un importe de 32.757,12 euros e dous anos de duración, con opción de prórroga por outros dous, e o de subministro de gas propano para os centros de atención a maiores da Deputación, por un ano e un importe total de 107.938,05 euros.
Outro dos puntos tratados foi a solicitude dos concellos de Navia de Suarna e Sober para designar a novas obras os remanentes resultantes da execución de actuacións financiadas con cargo ao Plan Único 2019.
En concreto, Navia de Suarna destinará case 16.300 euros a actuacións complementarias de acondicionamento da avenida de Galicia, entre a rúa Cimadevila e a avenida dos Ancares, e o Concello de Sober dedicará 21.608,24 euros á reforma da rede de saneamento da rúa Mina.
CEMITERIO DE VIVEIRO
Por outra banda, a Xunta de Goberno autorizou, así mesmo, o Plan de Seguridade e Saúde da obra de reparación do muro de contención do cemiterio municipal de Altamira, en Viveiro, danado pola riada do 2018.
A institución provincial financia esta actuación con máis de 96.000 euros, correspondentes ás obras, e outros case 17.000 euros que xa destinou á redacción de proxecto, respondendo deste xeito á petición do Concello de Viveiro para arranxar as deficiencias estruturais producidas no muro de contención sur do recinto.