A precariedade dos docentes de música e baile galego que viven en economía somerxida

O sector da música e do baile tradicional reivindica a profesionalización dos centos de docentes que cumpren o papel de portadores da oralidade ao longo das asociacións culturais que se espallan por todo o territorio. Logo de décadas de precariedade, a crise acelera a necesidade dun cambio.

Aulas de baile galego | A Píntega Marela

A situación derivada da Covid-19 puxo de relevo aquelas pezas do sistema que non funcionaban. En calquera crise, o sector da cultura é dos primeiros que se resinte, e neste caso, augúrase que será dos últimos que ha poder recuperarse completamente. Son varias as medidas que se están levando a cabo en cada un dos eidos, e tamén diversas as reivindicacións que xorden ao seu abeiro. Desde o sector da música e do baile tradicional, esta crise evidenciou a precariedade na que se atopaban moitos dos docentes que impartían aulas nas múltiples asociacións que se espallan por todo o país. Tamén elas, as asociacións, quedan agora nun desamparo máis acusado que problematiza a recuperación do tecido sobre o que se sostén a nosa cultura tradicional.

Por iso mesmo, desde a AAG (Asociación de Gaiteiros Galegos, que recentemente mudou a súa imaxe corporativa cara a Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega) comezaron a traballar nun documento aberto no que poñer en común as “carencias” e “debilidades” que adoecen o sector. “Gratamente sorprendido” pola participación, o presidente da asociación, Xoán Manuel Tubío, fala dunha reivindicación nuclear que esta crise puxo no medio do debate: a necesidade de profesionalización das persoas docentes. Hai unha parte (a máis mínima) de profesionais que están contratados por asociacións, outra boa parte que que se fai autónoma e outro gran conxunto de persoas que non está amparada legalmente e que non se dedica profesionalmente á docencia. Todas esas persoas, nunha situación de crise coma esta, quedan totalmente desprotexidas ao non poder acceder a ERTEs nin ás axudas para autónomos.

ECONOMÍA SOMERXIDA

Polo momento, só a Fundación Sondeseu puxo cifras á realidade do sector. Foi no ano 2006 a través do Libro branco do ensino na música tradicional en Galiciaun fondo estudo que deixaba datos importantes: o sector xuntaba naquel momento 20.000 estudantes en todo o país e un total de 640 profesores impartían aula en case 700 centros de ensino repartidos en 250 concellos (dun total de 315) que ofertaban actividades relacionadas coa transmisión da música tradicional. Ademais, esta docencia movía daquela máis de tres millóns de euros, cifra que en realidade, “é moito máis grande debido á economía somerxida e á venda de traxes e instrumentos musicais”, versa o documento. Un 72,5% do profesorado entrevistado omitía ter unha relación laboral directa, ben sexa por contratación ou como autónomo – o que implicaría 1,4 millóns de euros anuais como mínimo nesa economía somerxida -.

Á vista destes datos, que na actualidade poden ser moito maiores debido á evolución do sector, sabemos que centos de mestres e mestras quedan fóra de caquera tipo de axuda e non percibirán ingreso ningún ata, cando menos, o inicio do próximo curso. Perante esta realidade, o sector quixo xuntarse en torno a un grupo formal dentro da AAG para “reivindicar a profesionalización das docentes, para que as asociacións e as institucións entendan que isto é un traballo e para concienciar a todas as persoas que non se dedican profesionalmente a isto”, fala un dos docentes implicados, Antonio Prado. “Pode parecer que cobrar en negro é máis sinxelo, pero momentos coma este evidencian que é un erro grandísimo”, engade.

“COMA QUEN COLLE AREA”

Parte do problema radica tamén na “indefinición” da actividade que desenvolven os docentes de música e baile tradicional. “Non estamos federados, non pertencemos a ningún epígrafe, e incluso para acceder ás axudas como autónomos tes que presentar máis documentos do habitual conforme temos o 75% menos de ingresos”, explica agora Rebeca Tallón, outra docente que dá aulas en dúas asociacións e nun colexio en Compostela. Traballar co patrimonio inmaterial é, segundo describe, “coma quen colle areas e escorren polas mans; non temos un recipiente que lle dea forma”. Tamén por iso mesmo con ansia a declaración do Baile Tradicional como Ben de Interese Cultural. “Hai moito andado pero queda moito por traballar neste sentido”.

Podes ler a reportaxe completa, da man de Uxía Iglesias, no Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here