A situación de Alcoa fai tremer a provincia: preguntas e respostas para entender o conflito

O Xornal da Mariña tenta responder algunhas cuestións clave tras anunciarse a intención dun despedimento colectivo nun complexo que supón o 30% do PIB lucense.

Traballadores de Alcoa, na manifestación de Lugo. EFE/LAURA CAMPOS

O anuncio de Alcoa da súa intención de iniciar un despedimento colectivo que afectaría a 534 empregados dos 633 de aluminio, mais a varios centos de empresas contratistas, deixa tremendo a boa parte de Lugo. Caeu coma un xarro de auga fría entre o persoal de San Cibrao e tamén na comarca da Mariña Lucense, pero tamén en toda a provincia, xa que este complexo supón o 30% do PIB lucense.  O Xornal da Mariña tenta responder algunhas das cuestións claves para entender a situación.

QUE PROPÓN ALCOA?

O que formula Alcoa é un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o cese da produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición. Segundo a multinacional, a medida afectaría a un máximo de 534 traballadores dos 633 da planta de aluminio, e incluiría arredor dun cento de prexubilacións.

O ERE non afectaría, nun principio, á planta de alúmina, aínda que os sindicatos dubidan de que poida ter unha vida longa de pechar aluminio, dado que produce principalmente para San Cibrao (un terzo da produción) e Noruega.

Ademais, a compañía recoñeceu aos sindicatos na reunión mantida que o recorte produtivo implicaría tamén a 150 obreiros de empresas auxiliares, unha cifra cuestionada pola coordinadora da representación sindical nas contratistas, que prevé, de saír adiante o despedimento colectivo, a perda de alomenos 300 postos máis de traballo.

QUE RAZÓNS OFRECE A EMPRESA PARA XUSTIFICAR A MEDIDA?

Alcoa argumenta que “problemas externos de produción e de mercado” fixeron que a produción de aluminio primario “sexa ineficiente”. Eses problemas estruturais inclúen os “altos custos de enerxía” e o “baixo prezo do aluminio” -estipulado no London Exchange Metal– que, xunto co “exceso de capacidade global”, causaron significativas perdas recurrentes, que se prevé que continúen.

A compañía asegura que prevé unhas perdas de 54 millóns de euros no exercicio 2020 para a planta de aluminio, para un déficit total de 165 millóns nos tres últimos anos. Con respecto á fábrica de alúminaque en cursos anteriores paliou con beneficios a situación da “factoría irmá” no complexo industrial de San Cibrao, a multinacional non ofrece cifras. Limítase a afirmar que acabará tamén o ano en números vermellos.

O ANUNCIO É VINCULANTE?

Alcoa anunciou unha intención. A propia multinacional insistiu en que abre “un período de consultas informal” cos traballadores, que afronta “sen ningunha decisión tomada” e na que esperará, asegura, a que rematen as conversas para decidir se aplica medidas en aluminio e cales tomará. Así, fixou un prazo de negociacións cos sindicatos de “tres semanas“. Con todo, a compañía admite que non manexa por agora “ningún outro escenario posible“.

Ante a previsible negativa dos traballadores a aceptar despedimentos, algunhas fontes sindicais interpretan este anuncio ben como un órdago ao Goberno central para que acceda á rebaixa do prezo da luz que a multinacional reclama, ben como unha forma de procurar tramitar o ERE coa menor contestación social posible. Os sindicatos queixáronse de que Alcoa non presentase o despedimento colectivo na mesa multilateral convocada, coa presenza de Xunta de Galicia e Goberno central, e de que o faga en pleno estado de alarma, o que limita as opcións do persoal para realizar actos multitudinarios de protesta.

Podes seguir lendo a peza completa no Xornal da Mariña.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here