A Deputación aproba destinar máis de 13 millóns a reforzar a cooperación cos concellos

Esa cantidade servirá, segundo Mayra García, para impulsar medidas de benestar social e reactivar a economía da provincia.

Pleno ordinario da Deputación, celebrado telematicamente | ALX

Deputación Provincial de Lugo aprobou durante o pleno ordinario a incorporación de remanentes de tesouraría ao orzamento deste ano 2020 por un importe de 13,6 millóns de euros.

Esta moción saíu adiante no pleno, celebrado este martes de forma telemática, cos votos a favor do PSOE e do BNG e a abstención do grupo provincial do Partido Popular.

Dos máis de 13 millóns de euros incorporados máis de dez serán para destinarse ao Plan Único, cunha dotación de 21,3 millóns; e 3,3 millóns destinaranse a reforzar a cooperación cos concellos da provincia e o tecido asociativo.

BENESTAR SOCIAL

A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García, afirmou que este diñeiro servirá para “impulsar medidas que melloren o benestar social e favorezan a reactivación económica e do emprego na provincia”. A deputada tamén deixou claro que o ente provincial non ten xa remanentes dispoñibles nas súas contas.

No pleno deste martes tamén tomou posesión como deputado, o concelleiro de Barreiros do Grupo Popular José Manuel Gómez tras o cesamento de Elena Candia para concorrer nas listas para as eleccións galegas.

Ademais, ao comezo da sesión plenaria, a corporación provincial gardou un minuto de silencio polas vítimas da COVID-19.