‘Abrindo Lugo’, a plataforma de apoio aos negocios da cidade pechados polo estado de alarma, comeza a funcionar dende este venres 24 de abril. O público poderá mercar agora bonos para trocar máis adiante nos locais lucenses, de maneira que estas pequenas empresas xa vaian tendo algún ingreso durante estas semanas.
A plataforma, promovida polo Concello de Lugo en colaboración coa Federación de Comercio e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo, tamén ofrece pequenos descontos para os clientes que decidan axudar os negocios de proximidade.
O funcionamento da páxina é sinxelo. Os usuarios verán unha listaxe duns 40 establecementos adheridos á iniciativa e poderán escoller onde queren comprar bonos. Restaurantes, tendas de roupa, servizos especializados… Cada día vanse sumando máis empresas, algo que poden facer de balde na propia plataforma. Á fin, será esencial a implicación da veciñanza para sustentar o comercio local, tan afectado por esta crise.