InicioEconomíaNegocios que acaban de nacer e xa baten coa crise: "Nos comezos...

Negocios que acaban de nacer e xa baten coa crise: “Nos comezos arrastras débedas e isto foi un pau”

A tenda El Alquimista, en Lugo, abriu hai seis meses, coa mirada posta na Semana Santa e no verán, "pero agora fastidiouse todo". Teñen "ilusión" para seguir, pero "isto será un antes e un despois nas vendas". A veciñanza será chave na recuperación económica das tendas de barrio e por iso algúns establecementos, como o Paprica, chaman pola súa axuda e ofrecen bonos que poderán trocar máis adiante nos propios locais.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A tenda de produtos artesáns El Alquimista, no casco histórico de Lugo, abriu as súas portas hai seis meses. Daquela nada se sabía dun tal coronavirus que había poñer todo patas arriba, incluídos aqueles negocios que, coma este, aínda se estaban poñendo en pé. Agora, as circunstancias sitúanos “coa auga ao pescozo”.

Carlos Míguez é unha das caras tras o letreiro de El Alquimista, un establecemento situado ao carón da Catedral. “Nós poderiamos abrir, porque tamén temos produtos alimenticios, pero non son de primeira necesidade. Ademais, pesa máis o risco de contaxio ca o que poidas acabar vendendo”, relata. “Estamos aproveitando para poñernos ao día nas redes sociais, aínda que tampouco se move moito a cousa”.

No seu caso, empregan as ferramentas de Internet como canle de comercialización. “Se a alguén lle interesa un produto, pode contactar con nós e facemos o envío”, di, coma quen xa sabe que a reapertura do local aínda tardará en chegar. “Imaxino que irá moi pouco a pouco, e todo vai cambiar. Será un antes e despois nas vendas”.

“non se volverán ver tantos turistas estranxeiros ata dentro de dous anos”

“VESTE COA AUGA AO PESCOZO”

Cando El Alquimista botou a andar, alá por setembro, eles xa tiñan a mirada fixa nestes meses de primavera e verán. “Isto foi un pau. Logo do Nadal, que funcionou máis ou menos ben, febreiro foi un mes parado. Contabamos coa Semana Santa e co verán, pero agora xa se fastidiou todo“, lamenta Carlos Míguez. A súa venda enfócase á clientela local, pero os turistas tamén son unha parte esencial no seu negocio. “E agora vai haber poucos. Haberá turismo nacional, pero probablemente non se volverá ver tanta afluencia de turistas estranxeiros ata dentro de dous anos“, prognostica.

A estas dificultades compartidas por practicamente calquera comercio, súmanselle outras que son propias dos negocios con pouco percorrido. “Agora mesmo, as opcións para autónomos e pemes, á parte das pequenas axudas, pasan por endebedarte máis. E veste ata o pescozo. Se levas tempo funcionando e non tes créditos, podes pedir un e ir tirando. Pero nós acabamos de empezar… Nos comezos arrastras débedas e endebedarte máis… Tes que pensalo moito, porque se non acaban coméndote”.

“Oxalá a xente vaia máis ás tendas de barrio”

O panorama non semella moi alentador, pero sóbranlles “ilusión e ganas”. “Nós tentaremos seguir, porque nos gusta o proxecto, cremos que é unha boa idea e que pode funcionar”, confía Míguez. Gustaríalle que todo isto marcase un punto de inflexión na concienciación social sobre o pequeno comercio. “Dáme a sensación de que en xeral cada un vai ao seu e non ten moi presente isto, pero oxalá me equivoque e a xente vaia máis ás tendas de barrio“.

BONOS NO PAPRICA

Nese sentido, van xurdindo iniciativas na cidade para apoiar as pequenas empresas. Unha delas xunta o Restaurante Paprica, a Vinissi e a Roberto Regal, que suman forzas co viño como protagonista e lanzan bonos que poden ser adquiridos durante estas semanas.

Álvaro Villasante explica nas redes sociais do Paprica que esta é unha maneira de “contribuír a que tres pequenas empresas sigan coa cabeza fóra da auga”, xa que as vendas deses vales posibilitaríanlles certa autoxestión neste momento “dramático”. As axudas do goberno “virán ou non virán”, di Villasante. “É probable que teñamos que recorrer aos bancos”, pero polo momento isto suporía un “gran de area” para axudar o sector da hostalaría, “o primeiro en pechar e os últimos en abrir”.

INICIATIVA DO CONCELLO DE LUGO

Algo semellante anunciaron hoxe dende o Concello de Lugo. Xunto coa Asociación Provincial de Empresarios Hostaleiros e coa Federación de Comercio, poñerán en marcha unha plataforma online na que os lucenses poderán comprar bonos para trocar nos establecementos unha vez se retome a normalidade. Pagar agora e consumir máis adiante. Segundo asegurou a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, sería unha maneira de aportar “liquidez” aos negocios e de “implicar a todos os veciños”.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...