InicioEconomíaAsí son as axudas do Concello de Lugo para pemes, autónomos e...

Así son as axudas do Concello de Lugo para pemes, autónomos e traballadores

Concederá contías de 1.200€ a quen tivera que pechar polas restricións e 750 € ás empresas que diminuíran a súa facturación un 75%. Ademais, as compañías recibirán entre 450 e 600 euros por empregado se non recorren a un ERTE. Se solicitaron este procedemento, poderán beneficiarse de axudas se acordan manter o 100% da base reguladora nos salarios dos traballadores. A maiores, un millón de euros irá destinado ás axudas de conciliación da vida familiar e laboral.

PUBLICADA O

- Advertisement -

As pequenas e medianas empresas, autónomos e traballadores do Concello de Lugo poderán beneficiarse dunha partida de cinco millóns de euros en axudas directas para paliar as consecuencias económicas da crise provocada pola situación sanitaria e as medidas impostas polo Goberno central.

En rolda de prensa, a rexedora local, Lara Méndez, anunciou que estas medidas formarán parte do plan ‘Reanima Lugo’ que impulsa a administración local, e que serán “áxiles” e coa menor burocracia posible. Por un lado, tratan de achegar liquidez e impulsar a actividade económica e, polo outro, axudar á conciliación e ás familias.

SEN ERTE, ATA 600 EUROS POR TRABALLADOR

A primeira liña de axudas está destinada a autónomos e pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal ou sede de traballo en Lugo, e beneficiará a aquelas que polo decreto do Goberno se vexan obrigadas a un peche de actividade, ou ben ás que se manteñan pero sufran unha redución do 75 por cento dos seus ingresos. As axudas serán de 1.200 euros e de 750 euros, respectivamente.

A maiores, o programa abre dúas casuísticas en función de se a empresa solicitou un ERTE ou non. Se non recorren a este procedemento, poderán beneficiarse de 450 ou 600 euros por traballador, dependendo da amplitude do cadro de persoal.

Por outra banda, para as pemes que se visen obrigadas a irse a un ERTE, establécense outros complementos de axudas, a condición de que acrediten un acordo entre empresa e sindicatos para que o complemento salarial ascenda ao 100% da base reguladora. As contías serían de 180 euros (ata 9 empregados) e de 120 euros (entre 10 e 49) por traballador.

CONCILIACIÓN FAMILIAR

A segunda liña do plan ofrece axudas á conciliación para traballadores por conta allea con fillos menores de 12 anos. Poderán optar ás axudas en caso de que experimenten unha diminución dos seus ingresos por estar incluídos en procesos de ERTE, verse obrigados a pedir unha excedencia ou unha redución de xornada.

Doutra banda, tamén se dirixen a traballadores con fillos desa franxa de idade, por conta propia, que se vexan obrigados a peche de actividade ou a unha diminución do 75 por cento dos seus ingresos.  As contías ascenderían a 100 euros por un, 150 por dous e 175 por tres ou máis fillos.

POSIBILIDADE DE AMPLIACIÓN

Lara Méndez insistiu en lanzar “unha mensaxe de tranquilidade” ao tecido económico da cidade e explicou que o proceso contará cun prazo de 20 días hábiles desde a súa publicación e as axudas concederanse por rexistro de entrada, unha vez se conte co expediente completo.

Tampouco descartou a posibilidade de “estudar unha ampliación” en función do número de solicitudes, para así “dar cobertura a todo o tecido económico” da cidade.

O plan xa foi presentado ao sector económico e á xunta de portavoces municipal, e foi acollido cun agradecemento “unánime”.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...