InicioSociedade"A revolución silenciosa do éxodo feminino": por que marchan as mulleres do...

“A revolución silenciosa do éxodo feminino”: por que marchan as mulleres do medio rural?

A investigadora Rocío Toxo e a emprendedora Chelo López participaron nun novo Encontro da Lúa Chea para expoñer o seu parecer sobre o porqué das migracións femininas. Insuficiencia de servizos públicos, escasa oferta de ocio, falta de oportunidades e roles de xénero foron cuestións que saíron a colación durante todo o debate.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Hoxe imos falar da revolución silenciosa do éxodo feminino do rural”, dicían a iso das 19:00 horas na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. Era o comezo dos ‘Encontros de Lúa chea’, promovidos polo grupo Proxéctate en Galego, e que hoxe se centraron nas migracións das mulleres dende o ámbito rural. “Elas teñen máis interese por marchar”, aseguraba a investigadora Rocío Toxo Asorei. Outras, coma Chelo López (Gandería Quintián, no Páramo), quedan e ollan a situación dende dentro.

O acto, pensado como un foro de debate, iniciábase coas intervencións destas dúas mulleres, que combinaron unha perspectiva analítica apoiada nos datos e outra baseada na experiencia emprendedora. Rocío Toxo, investigadora predoutoral experta en migracións rurais, remitía á súa tese para asegurar que as mulleres mozas son o colectivo social que maiormente prefire marchar do rural.

A falta de emprego, a escaseza de xente, o aburrimento ante a case nula oferta de ocio, a dependencia do transporte privado, a insuficiencia de servizos públicos… eran algunhas das principais causas alegadas polos enquisados no traballo de Toxo Asorei. Visto iso, “cando se presenta a opción de migrar, pesan máis as razóns de marchar que as de quedar”, comentaba a investigadora.

“CANSEI DE QUE PREGUNTARAN POLO XEFE”

A gandeira e emprendedora Consuelo López Rodríguez comparte esa visión, pero foi un paso máis alá e introduciu na conversa un enfoque que se había avivar un anaco máis tarde. “A min a aldea resultábame unha atadura, non me deixaba voar”, confesaba, en referencia ás actitudes normalizadas entre unha sociedade que alentaba á sumisión ou ao conformismo.

“As verdadeiras emprendedoras foron nosas nais, nosas avoas… Elas amasaban o pan, elas facían o queixo, atendían o gando, cosían… Pero eran mulleres silenciadas”. E iso ía calando nas mentes de quen presenciaba todo aquilo. “Eu xa fun cotitular da empresa, a diferenza das nosas nais e avoas, que traballaban sen cotizar”, continuou Chelo López. “Pero cansei de que chegara xente preguntando a ver onde estaba o xefe”.

Unha viñeta de Mafalda, do humorista gráfico Quino | ALX

O EMPRENDEMENTO

Mafalda é unha referente para Chelo, como tamén ela o pode ser para moitas mozas que queiran buscarse a vida no ámbito rural. Pero non é doado. “Eu son unha moza de 26 anos que quero ir vivir ao medio rural e montar un negocio. Pero que podo facer? Hai axudas?”, formulaba unha rapaza do público á hora do coloquio.

Poucos recursos, poucas facilidades. E actitudes machistas que, como en tódolos lugares, botan para atrás. “Estráñanse de que non saiba usar un tractor, pero é que ninguén me ensinou! A meu irmán si, pero a min non!”, queixábase unha moza, que atopaba nesa idiosincrasia unha das razóns de peso para que as mulleres queiran apartarse dunha comunidade que as mira diferente.

ESTUDAR PARA FUXIR DOS ROLES IMPOSTOS

“As mulleres comezaron a migrar cando puideron estudar”, comentaba outra asistente, que aseguraba que a posibilidade de formación académica foi quen as afastou do rural. Os homes herdaban a explotación e elas —as que podían permitirse tal— procuraban unha saída a través dos estudos que, á súa vez, tamén as libraría de asumir o rol imposto pola sociedade: casar, acompañar o home, coidar os sogros, atender os fillos e os pais. As migracións femininas dende o rural deben entenderse á par diso, reclamaba.

Ao tempo, no debate ía fraguando a idea de que parte da solución pasará por conseguir que sexa a poboación urbana quen tamén se mova cara ao rural. Daquela, o reto sitúase na capacidade de crear un sistema no que elas, mulleres de todas as orixes, se sintan a gusto e con posibilidades no medio rural. “Moi probablemente o futuro do rural non estea nas fillas do rural. E iso non está mal”.

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...

O TS confirma que Ana Sandamil matou a súa filla para danar a súa ex parella e pai da nena

O Tribunal Supremo (TS) confirmou a condena de prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato,...