O AVE, novamente unha arma electoral

O ministro Ábalos dixo que chegaría a Lugo en 2021. Agora a Xunta di que será "unha lanzadeira" coa alta velocidade de Ourense.

Imaxe dun tren Alvia | Europa Press

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou este luns que “non está planificado que chegue” o AVE a Lugo, senón “unha lanzadeira” de conexión coa liña de alta velocidade que chegará a Ourense.

Deste xeito pronunciouse Balseiro nunha rolda de prensa, unha semana despois de que o ministro de Fomento en funcións, José Luís Ábalos, nun mitin na capital provincial fixase en 2021 a chegada da alta velocidade á provincia. Ademais, este mesmo domingo o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, prometeu noutro acto de partido na Coruña que cumprirán “con Galicia” e “co AVE”.

Co que contará Lugo, tal precisou o delegado da Xunta, é “cunha lanzadeira”: “Efectivamente, situaríanos no AVE que vai chegar a Ourense e situaríanos en Madrid en tres horas ou tres horas e pico”.

“A planificación de que o AVE chegue a Lugo que nola explique alguén, porque eu non a entendo. Por iso entendo que esa é unha afirmación –a de Ábalos– que é errónea, que queremos colocar a Lugo co AVE cando iso non é así e non quere dicir que o que se vaia a facer –a lanzadora– non estea ben feito”, puntualizou Balseiro.

Neste sentido, incidiu en que dicir que a Alta Velocidade ferroviaria chegará á provincia é “canto menos unha afirmación, cos datos que se baralla neste momento, un pouco atrevida”. “E se dicimos que o AVE vai chegar a Lugo no ano 2021, é moito máis atrevida aínda“, engadiu.

Así mesmo, Balseiro apelou á resposta ofrecida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que presentou un “informe onde os propios técnicos dicían que era moi difícil, por non dicir imposible, que o AVE chegue a Galicia no ano 2021”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here