Lugo ten un déficit de entre 300 e 500 profesionais no sector da hostalaría e turismo

Os empresarios din que a cidade non conta con "xente preparada" para traballar neste sector.

Un sábado no Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo da Provincia de Lugo (APEHL), Cheché Real, destacou este xoves que o sector necesita moita máis man de obra da que é posible conseguir no mercado laboral, porque sería necesaria a incorporación de “entre 300 e 500 profesionais para cubrir a demanda”.

En declaracións a EFE, Real recoñeceu que non é un problema exclusivo desta provincia, nin sequera de Galicia, porque o mesmo está a suceder noutras latitudes do territorio español, onde “tampouco hai xente que queira traballar en hostalaría e turismo“.

De feito, asegurou que é un dos temas “que se está expondo no comité executivo” da federación que agrupa ás asociacións de hostalaría de España. “Aínda que en Lugo hai xente preparada” que podería traballar no sector, moitos deses profesionais deciden probar sorte noutros lugares de España ou mesmo do estranxeiro, onde o volume do sector turístico é moito maior.

“Aquí, fácil, necesitamos incorporar entre 300 e 500 persoas, con picos importantes en determinadas épocas do ano”, onde a afluencia de visitantes multiplica en moitas localidades a demanda habitual. Para iso, precisou, tamén se están dando pasos “para dignificar a profesión” e para facela “máis atractiva”, con maior control sobre os “horarios” de traballo, para permitir “unha conciliación da vida laboral e familiar”.

Segundo Real, tamén sería positivo para xerar esa man de obra, pór en marcha “cursos de formación continua, de formación dual, que durasen de nove a dez meses ao ano”, de forma que a xente podería estar a se formar á vez que traballa no sector.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here