Novo paso para que os concellos de Lugo poidan cobrar unha taxa ás compañías enerxéticas

A Deputación contratou a asistencia técnica necesaria para implantar esta medida. Grazas a ela, 53 municipios aumentarían os seus ingresos ao establecer un tributo polas redes de subministro eléctrico e de gas colocadas en áreas de dominio público.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (dereita), acompañado do nacionalista Efrén Castro.

A Deputación de Lugo deu un paso máis para a implantación dunha taxa municipal que se cobraría ás empresas eléctricas ou de gas polas súas redes de transporte de enerxía. Isto é, aprobouse a contratación da asistencia técnica para que 53 concellos cobren un tributo a estas compañías  polo uso privado ou aproveitamento especial do dominio público local.

En concreto, a Xunta de Goberno contratou a realización de inventarios e informes técnico-económicos para a posta en marcha desta medida. Trátase dunha nova fase que se inclúe dentro do procedemento iniciado no anterior mandato, cando se asinara o convenio con preto do 80% dos municipios lucenses. “Ata agora os Concellos non estaban aplicando ningunha taxa [ás empresas enerxéticas que instalaban tendidos en espazo de titularidade municipal] porque non podían, porque non sabían…”, comentou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Grazas a esta medida na que agora se avanza, as administracións locais obterán máis ingresos. Iso traduciríase, segundo Tomé, en máis posibilidades para ofrecer mellores servizos á veciñanza.

ASISTENCIA TÉCNICA

Así pois, neste venres 23 de agosto, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos informes técnicos-económicos, un paso necesario para aplicar dita taxa. A empresa adxudicataria é unha UTE, Hijos de Valbuena y Ron S.L e Iurislocalia LSP, e o orzamento que se manexa é de algo máis de 246.000 euros. Esta compañía deberá confeccionar un modelo de ordenanzas fiscais polas que se rexirán posteriormente os Concellos e terá que actualizar o inventario dos tendidos eléctricos de media e alta tensión, así como das liñas de transporte de gas.

Ademais, á empresa correspóndelle o cálculo dos importes das taxas a cobrar, algo que se aprobaría despois nos plenos municipais. Así mesmo, tamén se encargará de estimar os ingresos que obterían as entidades locais e comprometerase a ofrecer asesoramento pericial ante posibles recursos interpostos polas compañías afectadas pola norma.

O prazo de execución deste contrato é de 4 anos, un período que “pode parecer longo”, segundo admitiu Tomé, pero que obedece á dificultade de “adaptar estas cuestións a cada concello”. Con todo, o presidente asegurou que nun prazo de oito meses a empresa deberá ter rematado o inventario das liñas de subministro eléctrico e de gas.

AUMENTAR OS INGRESOS DOS CONCELLOS

“É un proxecto interesante e ambicioso” que procura “intensificar o máximo posible a cooperación” cos concellos, subliñou José Tomé. O obxectivo é aumentar os recursos económicos de cada municipio para logo poder prestar servizos de maneira óptima. En total, son 53 os concellos que se adheriron a este convenio o pasado ano.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here