InicioDeportes"Afección hai moitísima, polo menos pola parte de Lugo"

“Afección hai moitísima, polo menos pola parte de Lugo”

Rubén López López, piloto sarriano de Rías Baixas Competición, busca gañar o título de Copa Pirelli AMF, onde xa foi tres veces subcampión

PUBLICADA O

- Advertisement -

Como xurde a túa paixón polos rallys? Agora, tes 30 anos.

Dende cativo. O meu pai ten un taller. Se estás en medio de coches todo o día, sempre queres facer iso. Animado por moita xente que arranxaba alí o coche e que están sempre correndo chegou a oportunidade cando saquei o carné.

O teu obxectivo agora é gañar a Copa Pirelli AMF e, logo, debutar no campionato de España, non si? Levas tres subcampionatos de Copa.

Si. Queremos ver como nos vai no campionato galego. A idea é pelexar pola Copa. Todo depende de como nos vaia en Galicia. Imos centrarnos na Copa. Xa fun subcampión tres veces. Teño esa espiniña de gañala, de ser campión. A ver se a mecánica nos respecta. Se nos respecta, temos o ritmo. Temos que seguir así.

Dende cando te adicas aos rallys?

Levo dende 2013. Debutei en outubro de 2013.

Dende entón, como valoras a túa evolución profesional?

Creo que boa. Traballamos moito nas notas. Notouse moito o troco. Hoxe en día, temos ritmo alto. Estamos sempre en postos altos da Copa. Levamos xa dous anos case sempre en postos de podio. Agora levamos varias vitorias. Creo que evolucionamos ben. Sobre todo, traballando nas notas, que é o máis fundamental para ir rápido.

Como vos financiades? Que patrocinadores públicos e privados tedes?

Eu teño bastante sorte, a verdade. Non me podo queixar para comezar dende a nada. Axúdanme bastantes empresas. Nunca tiven problema diso. A Deputación de Lugo tamén nos bota unha man grandísima aos pilotos, e nótase mogollón.

Como é o teu día a día? Cantos días adestras e en que horarios?

Pola semana, adestramos pouco. Teño unha vida laboral moi complicada. Temos o taller e sempre estamos moi, moi liados. Non lle podo adicar moito ás carreiras. As carreiras si as preparamos ben. E no coche si son moi exquisito, gústame ter todo ao detalle, non ter nada pendente para que o día do rally esté todo en orde.

Cal é o teu traballo concreto no taller?

Somos mecánicos de coches.

Como se chama o taller?

Taller Rías Baixas en Sarria. De aí o nome do equipo.

O teu equipo é o Rías Baixas Competición. Dende cando compites neste equipo?

Dende que comezamos en 2013.

Como percibes o coñecemento que hai en Lugo cidade e Lugo provincia do sector dos rallys?

Hai de todo. Hai unha franxa de idade, entre 20 e 40 anos, que hai un bo coñecemento da competición. Máis alá, non se nos valora como se nos debe valorar, non temos a fama axeitada. Cada vez mellor porque hai anos era diferente, agora hai máis seguridade. Hai que consideralo un deporte máis. É un deporte. Aquí tes que prepararte, tes que poñer un entusiasmo coma en calquera outro deporte. Coma se foses futbolista. Cada vez estamos máis introducidos, á xente gústalle e afección hai moitísima, polo menos pola parte de Lugo hai moita.

Como te describirías coma piloto?

Conservador. Os rallys son moi longos. Non me gusta ir a tope no primeiro e cometer erros. Gústame ir pouco a pouco e medrando de cara a noite.

Que referente ou referentes tes?

Sempre me axudan todos os que correron antes no meu pobo. A experiencia que eles che poden contar sempre é un punto. Ensínanche moitísimas cuestións e vas aprendendo duns e doutros. Fixen varios cursos con Cándido Carrera, que é un copiloto de Galicia que compite a nivel mundial, e apórtame moitísimo sempre. Tamén Enrique García Ojeda, que é un piloto nacional e que me puxo a punto a suspensión. Teñen moitísima experiencia. Para eles, os rallys non teñen segredos.

Como valoras a oferta deportiva de Lugo cidade e Lugo provincia?

Aí entramos no tema da Deputación. O que axuda a Deputación á provincia de Lugo non existe noutras deputacións, ou polo menos en Galicia. Moitas veces nos rallys dinnos: “vaia sorte tedes coa vosa Deputación, que sempre vos está axudando, sexa piragüismo, rallys, etcétera”. Non só fútbol, que é habitualmente o máis prioritario. Non deixan a ninguén de lado. Estanse a portar moi, moi ben.

Cal foi o teu mellor momento?

Teño tres subcampionatos de Copa. Este ano imos liderando. Malos momentos tiven poucos, só tiven un golpe forte ao pouco de comezar, cando era novato.

Como valoras o traballo de Rías Baixas Competición, o teu equipo?

Sen eles, non somos ninguén. Deixan todo preparado: rodas, gasolina, etcétera. Preocúpanse de todo. Iso vale moito diñeiro. Non teño que tocar nada. Non me teño que preocupar de nada. Iso vale moito.

 

 

 

 

 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...