Mauro Rodríguez: “Son un apaixonado do que fago”

O nadador lucense do Club Fluvial de Lugo, que vén de acadar o récord de España en 200 metros bolboreta, é un exemplo de superación e esforzo polos seus soños

Mauro Rodríguez.

Acabas de acadar o récord de España de natación na modalidade de 200 metros bolboreta. Como te atopas e cales son as túas vindeiras citas no teu propio calendario?

Atópome moi ben e moi ledo cos resultados que estou a ter. O meu vindeiro evento é o campionato galego, que vai ser en A Cañiza.

Agora mesmo, tes 28 anos. Cando xurde a túa paixón pola natación? Cando comezas a adicarte a ela?

Comecei a nadar aos catro anos. A partir de aí, comecei a nadar co meu pai, que foi quen me ensinou. Comecei a competir aos quince anos.

Cales foron as túas sensacións ao acadar o récord de España en 200 metros bolboreta?

A sensación foi moi boa. Acadeino no campionato de España.

Cales son os teus vindeiros obxectivos?

O meu obxectivo, obxectivo sería ir aos Xogos Olímpicos de 2020 en Tokio.

En que disciplinas tes a idea de competir?

Agora mesmo aínda non o sei.

Como te describirías como deportista?

Son un deportista, sobre todo, resistente, con moita forza e son un apaixonado do que fago.

Cales son os teus referentes, os teus ídolos?

Michael Phelps, Mireia Belmonte, Iván Raña e Javi Gómez Noya. A Iván e a Javi coñézoos persoalmente.

Onde adestras a cotío?

En Lugo, no Club Fluvial.

Como é o teu día a día? Cantos días adestras á semana? Cal é o teu horario?

Adestro os luns e os mércores e, logo, os fines de semana, que é cando teño máis tempo libre. Os fines de semana fago dobre sesión, é dicir, primeiro vou ao ximnasio e despois vou á piscina.

Ao marxe da natación, cales son as túas outras paixóns?

Ao marxe da natación, gústame moito o teatro, encántame. Incluso, gústame máis o teatro que a natación.

Quen é o teu referente no teatro?

Luís Tosar.

Que aportan a natación e o teatro na túa vida diaria?

Apórtanme todo a nivel persoal de xeito normal e natural.

Ti es lucense. Segues a outros equipos e deportistas da cidade?

Son aficionado do Breogán. Antes, ía a case tódolos partidos. Agora non vou, aínda que me gusta moito, porque a natación absórveme moito tempo e non podo. Pero sigo sendo afeccionado do Breogán, claro.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here