InicioDeportesUn heroico Cafés Candelas Breogán gañou no Olímpic de Badalona (81-88)

Un heroico Cafés Candelas Breogán gañou no Olímpic de Badalona (81-88)

Os lucenses, despois de ir 8 puntos abaixo no comezo do terceiro cuarto, melloraron claramente cunha actuación coral onde unha tripla de Lucio Redivo a 17.8 segundos do final do cuarto cuarto foi decisiva para a oitava vitoria breoganista

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cafés Candelas Breogán gañou na súa visita a Divina Seguros Joventut (81-88) na vixésimo quinta xornada da Liga Endesa e sumou a súa oitava vitoria da tempada despois de catro derrotas consecutivas.

Os lucenses comezaron de xeito notable o partido cun 2-9 inicial despois dunha penetración de Aleksandar Cvetković, que comezou o encontro coma base para, a posteriori, ser escolta co debut de Ray McCallum mediado o primeiro cuarto. O Joventut reducía a desvantaxe con triplas. O Breogán sofría para defender o rebote defensivo, pese a encadear cinco ofensivos nos primeiros compases. A primeira vantaxe local foi 21-20 a falta de 8 minutos e 18 segundos para o descanso. Con tres tiros libres de Sergi Vidal volvían os lucenses a estar por diante (30-31). E cunha canastra de Ray McCallum, que sumou oito puntos na primeira metade, ampliaba o marcador favorable a 30-33. Respondía a Penya cun parcial de 6-0 (36-33). Os cataláns eran superiores na pintura e atopaban espazos coa dirección do base Nicolás Laprovittola, ex San Antonio Spurs. Con dous tiros libres do escolta Thad McFadden chegábase ao descanso coa máxima vantaxe do Joventut (40-35).

Na segunda metade, o Joventum ampliou a súa diferenza a favor até o 45-37. Lucio Redivo, con 6 puntos consecutivos, colocaba ao Breogán novamente en partido (49-47). E Alec Brown, con dous tiros libres, puxo aos lucenses en igualdade (55-55). Sergi Vidal, con dúas triplas, foi decisivo para o 57-59 e, posteriormente, 61-65. Entre medias, Volodymyr Gerun anotaba un dous máis un. O Breogán aumentaba o nivel en defensa e, cunha transición finalizada por Salva Arco, os lucenses estaban por diante con 5 puntos de marxe (68-73). E Alec Brown ampliaba a distancia (68-75) cunha canastra de clase contra taboleiro despois dunha asistencia de Ray McCallum. Posteriormente, máxima vantaxe lucense (69-77) cunha canastra de Volodymyr Gerun. Así a todo, a Penya seguía competindo con Nicolás Laprovittola na dirección e anotación e con Marko Todorovic na pintura. Así, situáronse a un só punto (80-81). Pero aí apareceu Lucio Redivo cunha tripla no derradeiro segundo de posesión a 17.8 segundos do final do cuarto cuarto despois dunha asistencia de McCallum e tras un rebote ofensivo de Volodymyr Gerun (80-84). Posteriormente, Marko Todorović anotaba un só tiro libre. Ray McCallum acertaba dous para o Breogán. A Penya erraba unha tripla de Nicolás Laprovittola e Johan Löfberg asinaba o 81-88 final cunha canastra no derradeiro segundo.

O máximo anotador breoganista foi Alec Brown, con 20 puntos, seguido por Volodymyr Gerun e Ray McCallum, ámbolos dous con 14.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...