InicioDeportesSalva Arco: "Hai que ir gañar onde sexa"

Salva Arco: “Hai que ir gañar onde sexa”

O primeiro capitán do Cafés Candelas Breogán analizou a derrota ante Montakit Fuenlabrada (92-96) e reivindicou que Tito Díaz, novo primeiro adestrador breoganisa, "acadou un cambio moi importante no estado anímico en moitos xogadores que antes estaban faltos de confianza"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Que sensacións tes despois desta derrota tan dolorosa?

A verdade é que impotencia. Era un partido moi importante para nós. Ademáis do resultado, para amosarnos a nós mesmos que estamos aí, que queremos. Facíanos moita falla a vitoria. Fixemos un gran esforzo para recuperar a desvantaxe que eles acadaron no segundo cuarto. Puxémonos aí. Incluso, con sete puntos por diante. Os derradeiros dous minutos atragantáronsenos. Non soubemos xogar. Chegamos tamén xustos de forzas. Con algunha que outra decisión arbitral dubidosa. Ao final, notouse que eles levan tres-catro semanas con novo adestrador, que teñen máis asumidos os seus roles. Impotencia.

Como se explica esa montaña rusa: colocádesvos sete puntos por diante no primeiro cuarto, logo ides perdendo por quince, remontades e colocádesvos con sete puntos de vantaxe no derradeiro cuarto e finalmente perdedes? Houberon moitos intres dentro do partido.

Ao chegar Tito (Díaz), tratamos de adaptarnos ao seu estilo de xogo, que son máis transicións, máis rapidez e iso fai que, ao non estar adaptados ao 100 %, hai algunhas perdas de balón, algún tiro precipitado, dúbidas nalgunhas circunstancias. Por iso no partido víronse altos e baixos. A pesar diso, amosamos unha faciana totalmente distinta á de San Sebastián. Competimos practicamente 39 minutos. Demos todo o que tiñamos a pesar das lesións de Ricardo (Úriz), a de Christian (Díaz) nun intre complicado no que o estaba a facer moi ben e Alec (Brown) ao comezo do partido e que estivo todo o encontro arrastrando esa doenza. Ao equipo non se lle pode pedir moito máis.

Que diferenzas atopas con Tito Díaz coma primeiro novo adestrador con respecto á etapa anterior de Natxo Lezkano? Tito subliñou nas súas comparecencias públicas que quere dar un paso adiante en defensa e, despois coma aspecto secundario, aumentar o ritmo. 

Sobre todo, o que tentou é trocar o estado de ánimo e creo que o acadou. Tentar que estemos todos a unha. Que todo o mundo erga a cabeza. Que aínda queda moito por diante e pódese facer. Acadou un cambio moi importante no estado anímico en moitos xogadores que antes estaban faltos de confianza. Logo, no estilo de xogo busca un baloncesto máis directo, con transicións máis rápidas, tentar buscar rápido a vantaxe e, quen a teña, aproveitala. Ao final, 92 puntos anotados xa amosan por onde vai o baloncesto de Tito.

Como te atopaches no eido individual?

Ben. Xa sabes: tentando aportar sempre o máximo, toque o que me toque. Tentar axudar para que o equipo gañe. Hoxe non foi posible. Que ninguén dubide que imos seguir traballando para acadar o máximo de vitorias posibles nestas dez xornadas que quedan.

Na vindeira xornada visitades en Badalona a Divina Seguros Joventut, revelación da actual Liga Endesa e cuarto clasificado arestora, o sábado ás 18 horas. Que valoración fas da tempada da Penya e cales cres que son as súas principais armas?

Como ben dixeches, é un dos equipos revelación. A inxección de cartos o ano pasado veulles moi ben para facer renovacións coma a de (Nicolás) Laprovittola, fichaxes moi boas, acaba de reforzarse cun xogador top da liga (Thadd McFadden). É un partido complicado. Arestora, hai que ir onde sexa a gañar. Xa non hai excusas. Xa non hai nada. Co que temos, co que haxa, hai que ir loitar ao cen por cen e sacar as vitorias de onde sexa.

Esta semana, o Breogán rescindiu o contrato do aleiro Elijah Millsap. O club busca, se é posible, un reforzo exterior. Considéralo preciso?

É un tema do club. É certo que sabiamos que, por tema de orzamento, polo de agora non se podía dar ese paso adiante. Xa ves como está o equipo: moitos xogadores tocados e lesionados. Veremos o de Christian (Díaz) e o de Ricardo (Úriz). Todo o que poida vir para axudar, sumar e darnos ese plus, benvido sexa.

 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...