InicioDeportesPablo Abuín: "O Breo é o club do que son seareiro dende...

Pablo Abuín: “O Breo é o club do que son seareiro dende cativo”

O lucense, adestrador axudante de Cafés Candelas Breogán, leva o éxito consigo. Chegou ao club a tempada pasada acadando o ansiado ascenso á Liga Endesa doce anos despois e, arestora, compón xunto a Natxo Lezkano e o tamén galego Óscar Lata o corpo técnico na máxima categoría

PUBLICADA O

- Advertisement -

Como xurde e cando decides adicarte profesionalmente ao baloncesto coma adestrador?

A partir da chamada de Xuven Cambados (2016). Chámame o adestrador de Xuven Cambados, que naquel intre era Manu Santos, a través de xente que coñecía el e pola presencia de Manu Felpeto coma director deportivo. Manu tamén é lucense. Traballamos alí nun ambiente moi profesional, aínda que LEB Prata sexa unha liga modesta a nivel económico. Foi un ano profesional en tódolos aspectos a nivel de traballo. Dende aí, comecei a plantexarme tomarme o baloncesto doutro xeito. E, despois, a chamada de Natxo Lezkano o verán seguinte para formar parte do equipo técnico do Breogán en LEB Ouro. Aí foi a confirmación.

Previamente, que relación tiveras co baloncesto de cativo, adolescente e adulto coma xogador e adestrador?

Estiven dez anos en Estudiantes Lugo e os últimos podería consideralos case un traballo. Eran moitas horas de adicación. Era un traballo, digamos, semiprofesional. Os meus comezos son tardíos. Eu comezo a xogar ao baloncesto aos catorce anos en Estudiantes Lugo cunha anécdota: o meu adestrador era César Sanmartín, por aquel entón xogaba na plantilla do Breogán. O estilo que tiña César de adestrar e de transmitir foi, precisamente, o que me engancha a este deporte. Porén, estoulle moi agradecido. No verán que remato a miña etapa júnior, Cristino Menor ofréceme axudar nas categorías máis baixas de Estudiantes Lugo, concretamente no equipo premini. Aí comeza todo para, pouco a pouco, ir adquirindo máis responsabilidades. Previamente a marchar cara Cambados, dirixín o equipo sénior, de Primeira División Nacional, que foi unha experiencia moi grata.

Como valoras a túa etapa en Xuven Cambados (2016-2017), un club clásico do baloncesto intermedio galego?

Moi boa a tódolos niveis. Era a primeira vez que saía de Lugo. A nivel persoal, foi unha experiencia moi enriquecedora. A nivel profesional, non foi só desfrutar do baloncesto semiprofesional ou profesional xa, senón tamén foi un ano moi bo a nivel de resultados, onde acadamos a segunda posición na liga regular, aínda que en playoffs non tivemos a sorte desexada. E tamén a oportunidade de poder compartir pista e adestramentos con tres xogadores vencellados a Lugo coma son Adrián Chapela, Érik Quintela e Charles Nkaloulou. Ademáis da relación profesional, xa me unía a eles un moi bo trato persoal e así segue sendo.

Que destacarías de Adrián Chapela, Érik Quintela e Charles Nkaloulou a nivel profesional e persoal?

Os tres son uns grandísimos traballadores. Son deses xogadores que a calquera lles gusta ter porque suman para o equipo tanto os días que hai adestramento coma os días que non porque sempre se ofrecen a ir a adestramentos voluntarios para traballo físico. Ademáis, suman para o equipo a nivel persoal. Érik era o capitán, a referencia. Tanto Chapi coma Charles, a nivel de facer grupo e equipo, aportaban tamén ao máximo. En canto ao xogo, Érik tivo unha tempada moi boa, foi medrando co paso dos anos porque cada vez é capaz de facer máis cousas, é capaz de trocar o ritmo dos partidos, de anotar de moi diferentes xeitos e, en defensa, as súas estatísticas amosan que aumenta o ritmo en defensa e nótase nas recuperacións. Chapela quizais aporta máis dende a dirección, a pausa e coñecemento do xogo e nos últimos anos foi mellorando as suás porcentaxes anotadoras, sobre todo nas triplas, que era o que tiña que mellorar. Charles é un grandísimo anotador. Pode facelo dende diferentes posicións e co seu físico pode axudar tanto no rebote coma na intimidación defensiva. Foi un pracer compartir pista con eles.

Ves a algún dos tres con posibilidades reais de competir en Liga Endesa no Breogán a curto prazo?

Quizais aos dous lucenses si, tamén por un tema de cupos. Iso inflúe nas fichaxes. Eles teñen que seguir a súa evolución. O tempo dirá se volven a casa. Ogallá sexa así, coma a volta de Sergi. Charles non é un xogador de formación, pode telo máis complicado, pero ogallá a súa evolución permítalle volver.

Que cres que pode aportar Sergi Quintela cando volva este verán? Como o describirías?

Pode aportar moitas cousas se é capaz de traballar ao ritmo que lle pida o seu adestrador e ao nivel de concentración que require a liga. É un xogador eléctrico, capaz de desequilibrar, sobre todo no un para un. Defensivamente, é capaz de defender xogadores de moita identidade a un nivel moi alto se o seu nivel de concentración é moi alto. O seu tiro exterior e a lectura de xogo, que eran o que tiña que mellorar, foinos puliendo.

Como foi esa chamada de Natxo Lezkano na primavera-verán de 2017, cal é a túa reacción e que che dixo Natxo?

Cando cheguei de Cambados, tiña orientada a miña vida ao baloncesto de formación e adicarme a outras cuestións trala experiencia en Xuven Cambados. Natxo díxome que buscaban un terceiro adestrador para que continuase medrando o proxecto e que preguntara por mín. Díxome que falara con varias persoas e que cría que era a persoa idónea. Nun primeiro momento, non mo cría porque era o equipo do que son afeccionado dende neno, viñen sempre ao Pazo. Foi incrible.

Como é o teu traballo diario e cales son as túas funcións máis concretas?

Sobre todo, fóra da pista. É un traballo de análise, xunto a Óscar Lata este ano e Quique Fraga o ano pasado. Analizamos aos rivais, as súas fortalezas, o seu estilo, como facerlles dano tanto a nivel ofensivo coma defensivo. Queremos presentarllo aos nosos xogadores do mellor xeito posible. Traballamos un montón de horas para ese resultado final. Na pista, tentamos axudar ao máximo nos adestramentos, non só nas funcións que temos asignadas en cada exercicio, senón que todo o que vemos facémolo chegar a Natxo para que teña toda a información posible. Ademáis, tódolos xogadores que queiran facer adestramentos específicos e individualizados, estamos dispostos a axudarlles e traballar en todas aquelas facetas nas que queren mellorar.

Que xogadores son os máis habituais neses adestramentos específicos?

Acostuman a ser os novos. Estamos a traballar moito con Johan Löfberg, Emir Sulejmanovic, Christian Díaz e Romaric Belemente. Veteráns coma Salva Arco e Sergi Vidal buscan tamén manter sensacións e tamén quedamos con eles para facer un traballo máis de mantemento.

Como valoras a tempada do Breogán polo momento?

Dadas todas as circunstancias que tivemos con lesións e contratempos, está a ser bastante boa. Sempre hai cuestións que se poden mellorar. Estar a estas alturas con posibilidades notables de salvación, con tódolos problemas que tivemos e non ter podido contar aínda co noso xogador franquicia (Henk Norel), é bo.

Como é Natxo Lezkano nas distancias curtas?

A nivel profesional, esixente. Quere que xogadores e técnicos den o máximo cada día. O ano pasado, adaptarme ao seu ritmo de traballo custoume ao comezo, pero agora lévoo moito mellor. A nivel persoal, é unha persoa totalmente normal, moi amable, moi simpática e coa que se pode falar de moitas cuestións.

Que intres destacas desta tempada?

As catro vitorias consecutivas e, sobre todo, a vitoria contra o Real Madrid. É algo que soñabamos ao comezo de tempada. Aquel día saiu todo a pedir de boca. Foi unha gozada e un orgullo estar no banquillo o día desa vitoria tan sonada ante o campión de Europa.

Que xogadores rivais impresionáronte máis?

Sen ir máis lonxe, os “cincos” de Baskonia pola súa presencia física. Ese equipo que ves con tres tipos de en torno a 2,15. O que máis me sorprende é a capacidade que ten esa xente tan, tan grande de facer tantas cousas, moverse tan rápido pola pista. Quizais estamos acostumados a ver xogadores máis pequenos desequilibrantes, en LEB incluso, pero xogadores tan grandes e tan móviles é o que máis me chama a atención. Tamén, Ante Tomic e Walter Tavares, ese perfil de xogadores.

Cal foi a cancha máis especial que visitaches polo de agora?

Quizais, a nivel de sorprenderme, tanto Málaga coma Vitoria.

Por que?

Polo pavillón, por como tratan alí o baloncesto coma espectáculo, o formato Euroliga, como apagan as luces, todo o show, como a xente se involucra.

Que significa para ti o Breogán?

Para mín, o Breo é o emblema deportivo da cidade. É o club do que son seareiro dende cativo e no que teño a gran oportunidade de traballar.

Como valoras a oferta deportiva da cidade?

A miña opinión é que, no eido profesional, é un luxo para a cidade ter tantos equipos en primeiras ligas: fútbol, baloncesto, voleibol e non sei se me esquezo dalgún máis. En Lugo hai cada vez máis xente, de tódalas idades, que quere practicar deporte e é certo que hai instalacións privadas e espazos públicos moi atractivos para poder practicalo. De tódolos xeitos, boto de menos algunha instalación pública máis adicada a estes fines.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...