InicioDeportesJuan Nécega: "Gústame a ledicia, a velocidade, a anotación"

Juan Nécega: “Gústame a ledicia, a velocidade, a anotación”

O focense, primeiro adestrador do Durán Maquinaria Ensino, repasa a actualidade do equipo lucense, perfectamente adaptado na súa volta á máxima categoría tras once tempadas e no oitavo posto coa permanencia encarrilada e as eliminatorias polo título coma obxectivo. Mañá, recibe no Pazo ás 19 horas a Spar Citylift Girona, colíder con 15 vitorias consecutivas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Que valoración fas da temporada polo de agora? Oitavo clasificado coa permanencia moi encarrilada e en posto de playoff na primeira campaña tralo ascenso despois de once anos sen Liga 1.

No comezo desta segunda volta levamos unha vitoria máis que a estas alturas da primeira volta. En principio, o balance é bo. Distanciámonos de equipos que, en principio, estaban con máis problemas para a permanencia, que para nós é moi importante. Mantémonos nunha zona media da táboa, sen que os demáis se distancien moito, co cal imos cumprindo etapas, pasando partidos e cada día máis conscientes da dificultade que ten a categoría.

En que situación física está a plantilla? Con que xogadoras podes contar mañá e con cales non?

Este ano non está a ser unha tempada de moita sorte nese eido. Tivemos que prescindir ao comezo de tempada de Jay-Ann (Bravo-Harriott). Agora, Arantxa (Novo) estivo con problemas, Ángela (Salvadores) estivo con problemas, (Astou) Traoré está con problemas, (Starr Regina) Breedlove está con problemas. Son demasiadas penalidades, probablemente nun mismo posto. Todo o tempo temos que sobrepornos a esas situacións. Non é a mellor situación, pero é a que temos. Non podemos contar con tódalas xogadoras e temos ir que sobrevivindo a cada problema.

Leva tres xornadas competindo a escolta italiana Marzia Tagliamento, de 22 anos, pero xa internacional con Italia en categorías inferiores e con experiencia en Euroliga. Que cres que vos pode aportar e xa vos está a aportar?

É unha xogadora máis. Coma ti dis, ten moita experiencia en torneos internacionais con Italia en categorías inferiores, experiencia en Euroliga. É unha tiradora excelente, ve o aro moi grande, axúdanos a abrir o campo, ten moi boa actitude, moi boa predisposición. Parece que se está a adaptar, está a atopar os seus tiros. Vainos axudar.

Mañá recibides a Spar Citylift Girona no Pazo ás 19 horas. Encadea quince vitorias consecutivas e é colíder. Que destacarías dun rival tan poderoso?

Chegamos case nas mesmas condicións que a semana pasada. Recuperamos, probablemente, a Arantxa Novo, mais non está nas súas mellores condicións. Levaba semana e pico de baixa con gripe moi grande. Estaba débil. Aquí precisas estar a tope. É un rival moi importante, líder por méritos propios, por calidade, por xogo, por xogadoras, por plantilla, porque ten todo. En Europa está a competir moi ben. É un equipo probablemente sen fisuras. Un equipo moi armado en tódalas posicións. A rotación ten tanta importancia coma as xogadoras que compiten máis minutos. Non fai que o ritmo do equipo e a calidade caia. Dalle incluso un punto máis, unha marcha máis. É un equipo moi, moi difícil para nós e para calquera rival.

Que partido lle interesa ao Durán Maquinaria Ensino para poder gañar esta novena vitoria?

A dirección do xogo é unha das súas facetas máis importantes. No xogo, as batutas, por así dicilo, de Spar Citylift Girona son de moitísimo nivel, tanto Nuria Martínez coma Laia Palau, e no intre que poida asumir Roso Buch. Son xogadores incribles, habilitan, ven absolutamente tódolos pases, son capaces de anotar, dan unhas asistencias tremendas, ven sempre a xogadora que está ceibe. Probablemente, a partir de aí, é onde constrúen todo. Xeran as vantaxes a partir das súas bases.

Arestora, cales son os obxectivos do Durán Maquinaria Ensino, oitavo clasificado coa permanencia moi encarrilada? 

En principio, matemáticamente estar salvados. A partir de aí, por que non tentar subir posicións e, se é posible, clasificarnos para o playoff no noso primeiro ano despois de tanto tempo. Sería unha moi boa situación, tal e como foi o ano con todolos contratempos. Para mín, xa o está a ser. Oito vitorias a estas alturas da liga está moi ben e estou moi ledo.

Sodes un equipo moi anotador, sobre todo en comparación cos equipos da zona morna e baixa da clasificación. Cal é o estilo de xogo que che gusta? Como entendes o baloncesto? 

Enténdoo así. Enténdoo coma espectador. Cando vou ver un partido, gústame a ledicia, a velocidade, a anotación. Entendo que a xente ven a velo, por riba de cuestións tácticas ou outro tipo de situacións, o que quere ver son triplas, bandexas, contraataques, intensidade, roubos de balón, velocidade, verdade? É o que nós tentamos. Ao comezo de tempada, eu e o equipo tivemos que trocar unha miguiña porque, ao incorporar a tanta xente, ese xogo nos penalizaba á hora de perder balóns. O equipo, pouco a pouco, queremos que sexa máis rápido e non perda esa capacidade anotadora, que é o que quere ver a xente.

Como valoras o apoio do público, cres que hai unha evolución positiva en consonancia co equipo?

Si, cada vez hai máis xente. Podía haber máis, pero a xente que está lévanos en volandas, axúdanos moitísimo. Paga a pena vir aquí unha tarde de sábado. A xente engánchase. É o que queremos. Estamos moi ledos coa xente que está con nós porque é un apoio tremendo.

Seguramente, para un recén ascendido foi un pulo importante gañar o primeiro partido xa na segunda xornada contra Quesos El Pastor Zamora, despois a primeira vitoria a domicilio en Zaragoza ante Mann-Filter Casablanca e a racha de tres vitorias consecutivas. Agora, dúas derrotas seguidas despois dun triunfo chave en Ferrol. Estades no mellor intre da tempada? O ambiente no grupo é moi positivo, polo que vexo. 

Eu penso que o mellor momento está por chegar. Estamos nun bo momento agora mesmo. Recoñezo que é difícil cando chegan tantas novas xogadoras, cando o obxectivo é tan difícil e hai ansiedade, pero tiñamos que adaptarnos. Temos que integrar as virtudes de cada unha en prol do equipo. Co tempo, coñeces mellor as compañeiras, os movementos de cada una delas, interpretas o que quere o corpo técnico e todo comeza a cadrar. Queda moito por traballar tamén.

Que mensaxe lle enviarías a afección de cara ao partido de mañá e o treito final de tempada?

Só lles digo que teñen un partido moi bonito para ver. Esperamos que sexa o máis bonito posible. Tentaremos gañar. Non vai quedar por nós, imos pelexar. Á afección, darlle as grazas e que precisamos o seu apoio nos partidos moi importantes que quedan neste treito final.

Estás a pique de cumprir unha década no club, eres un home de club, acadas o ascenso a tempada pasada despois de retornar ao equipo júnior, tamén acadaches dúas permanencias consecutivas en Liga 2 entre 2015 e 2017 fundamentais para entender o presente do club. Que lembranzas tes desa racha tan sobresaínte para acadar o ascenso na Fonteta?

É incrible. Lembro que nada era dabondo. Non chegábamos, todos gañaban. Nós gañabamos e ninguén erraba. Houbo que non errar durante todos eses partidos. Non chegabamos, non chegabamos, non chegabamos. Chegamos a esa fase de ascenso con esa inercia de non errar, con esa mentalidade. Éramos o equipo coa idea máis clara porque viñamos de estar dez ou doce semanas pensando que tiñamos que gañar ese partido, que tiñamos que gañar. Era a mentalidade do equipo. O equipo rendiu moi ben. A lembranza é moi bonita. Para mín, foi incrible. Puiden ir valorando co tempo, naquel intre non. Este ano, cando xogamos en Valencia, a xente de alí nos falaba coma un equipo forte, o que gañara alí. As sensacións son moi boas.

Non foi só gañar, tamén o xeito de gañar. 

Efectivamente. A mentalidade do grupo eran non errar, que nos custara moito e non podiamos errar.

E nun escenario, coma a Fonteta de Valencia, ante, entre outros rivais, o anfitrión e nun pavillón que é unha icona do baloncesto español. 

Era incrible, era incrible. Gañamos con moita solvencia. Fumos gañando de vinte puntos. Era incrible xogar nese ambiente. Ao día seguinte, tiñamos outro partido, creo lembrar contra León, un partido ao uso, dos que xogábamos na nosa liga, de 400 espectadores nas gradas. Foi un partido malísimo. Non arrincabas porque era un baixón. Pero gañamos, ao final, con certa tranquilidade. Pero escoitábase botar, as verbas da xente, o ruído das zapatillas.

É o teu debut na máxima categoría. Como te estás atopando ti persoalmente? E que diferenzas atopas con Liga 2, ao marxe da calidade porque as categorías existen por motivos obvios?

É todo moito máis rápido. Hai poucas cuestións que se deixen á improvisación. Está claro que cada oco que deixas castígano, cada tiro que deixas sinxelo vano meter. Non tes ese colchón. Tódalas xogadoras meten. Todo pasa moi rápido. Nunca hai un resultado cantado. É unha liga moi bonita. Tes que ter os máximos detalles atados. O rival sempre está aí para castigarte.

Non es de Lugo capital, pero si lucense, de Foz. Lugo é unha cidade de deporte. Como describirías o sentimento de Lugo cara o baloncesto masculino e feminino?

É unha cidade moi de deporte, estou contigo. Aquí hai moitísima xente que practica deporte. Creo que o baloncesto é o deporte rei aquí. O fútbol tivo os seus momentos importantes cando o ascenso. Vai a xente de fútbol de toda a vida. Alédome moito que haxa fútbol de Segunda División nunha cidade coma Lugo, que haxa voleibol de Primeira División nunha cidade coma Lugo, que haxa ACB co Breogán. Aquí hai moitísima xente que practica baloncesto, moitísima xente en categorías inferiores, moitísima xente que ven ás canchas ás dez ou once da noite a xogar a súa pachanga. E gústalles. E é xente de todo tipo, maior, de tódalas idades, de cincuenta, sesenta, corenta anos, e despois os máis novos, claro. Xente que lle gusta o baloncesto e apaixónalle. E esa mesma xente logo a ves nun “Corre con nós”. É moi importante para unha cidade coma Lugo.

 

ÚLTIMAS

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...

Sociedade Galega de Historia Natural reclama paralizar o proxecto de Altri para Palas de Rei

A Sociedade Galega de Historia Natural emitiu un comunicado no que solicita a paralización...

O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que Altri expón para implantar en Palas de Rei

O BNG presentou na Xunta máis de 700 alegacións contra o proxecto que Altri quere implantar en Palas...