InicioDeportes"Maximus é un personaxe moi importante no club"

“Maximus é un personaxe moi importante no club”

Marcos Fernández é o Community Manager do Cafés Candelas Breogán e ideológo da campaña en redes sociais que permitiu que Maximus, mascota breoganista, chegue á final da Liga Endesa en Twitter, que se vai dilucidar este xoves contra Pam, mascota de Valencia Basket, en plena Copa do Rei

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cando surxe a mascota “Maximus”, como e por que ese nome?

Ao redor de 2010. Surxe por unha aposta entre varias persoas: o director deportivo da Fundación Balogal, Cristino Menor, unha afeccionada chamada Yolanda e Belén Díaz, que era a nosa fisioterapeuta. Era unha aposta persoal. Se un gañaba, outro xeraba unha mascota. Era un tema do que se falaba naquela época. Surxiu, saiu cara adiante e esa aposta rematou coa creación dunha mascota en forma de león, que é un pouco o símbolo do equipo, que vai no logotipo e ten unha historia detrás. A partir de aí, como vimos que tiña aceptación, era un personaxe que comezaba a gustar e buscámoslle un nome. Fixemos unha enquisa en redes sociais, naquel intre en Facebook. “Maximus” gustou polo vencello co pasado romano da cidade. Criamos que encaixaba. E encaixou. Agora está a ser un personaxe moi importante no club.

O león representa o escudo primixenio do Club Baloncesto Breogán. 

Segundo contan os fundadores, as orixes do escudo están vencellados cunha fonte que había na Praza Maior e agora hai unha reprodución na Praza de Avilés. Ese escudo tiña uns leones e eses leones tamén remataron na Praza Maior. Ademáis, o león representa fortaleza, un rei. Aí está Maximus, un león cunhas características especiais.

Ti, que xa traballabas no club antes do xurdimento de Maximus, como apreciaches a evolución no agarimo e a empatía dos afeccionados cara esta mascota durante estes nove anos?

Houbo anos que, por circunstancias, Maximus estivo prácticamente desaparecido. Participaba menos. Dende fai uns anos, cremos que había que recuperalo, que ten que estar presente en tódalas actividades posibles, en tódolos partidos. A raíz de aí, o número de afeccionados xoves medrou. O aprecio e a interacción de Maximus cos nenos é moi grande. Eses nenos e esas familias teñen un especial agarimo cara Maximus. Creamos unha serie de actividades solidarias nas que participa. E, ademáis, a simpatía que ten. Ten un lado simpático. E é un personaxe solidario. Con tódalas institucións coas que colaboramos, é unha peza de presenza do club. É un soporte importante para os patrocinadores, viste as cores do club, con tódolos patrocinadores principais que están na roupa, fai actividades vencelladas ao patrocinadores e é un xeito de devolver aos patrocinadores parte do que nos dan.

Agora chegou o intre máis mediático co “Baile de mascotas” da Liga Endesa, onde Maximus participará na final este xoves 14 de febreiro en plena Copa do Rei de Madrid. Como surxe este proceso con vídeos e fotografías humorísticas e de reivindicación do Breogán e de Lugo?

Todo comezou cunha chamada de ACB propoñendo un baile de mascotas. O primeiro que lles dixen é que Maximus baila, pero non é un bailarín. Sabiamos que se era un concurso propiamente de baile, tiñamos poucas posibilidades. Trasladámolo a que a xente coñecese o día a día de Maximus, con anécdotas, con cuestións que a xente se sinte identificada con moitos aspectos que se atopa no seu día a día. Funcionou. Comezamos con fotografías e pequenos clips de vídeo. Fumos evolucionando con pequenos clips de vídeo alternando con vídeos un pouco máis elaborados. Tampouco se chega á gran perfección dunha produtora porque tampouco é preciso. Ás veces, o vídeo máis sinxelo é o que máis alcance ten. Niso estamos. Conseguimos eliminar a varias mascotas e chegamos á final. A final estaba prevista antes da Copa, pero os patrocinadores consideraron axeitado estar na propia Copa. Maximus participará en diferentes eventos da Copa e bailará no descanso dun dos partidos do primeiro día, o xoves. Enfrontarase a Pam, de Valencia Basket, moi coñecida, que ten moito percorrido, ten un recoñecemento moi grande polo moito potencial que ten ese club. É unha oportunidade nun evento de nivel mundial de primeira orde. Para nós, é unha satisfacción que Breogán e Lugo estén presentes alí dalgún xeito.

Como xorden as ideas e con que equipo grupo humano contas para a elaboración de fotos e vídeos sobre Maximus?

Ao comezo, atopeime un pouco só porque son eu o que levo as redes sociais. Pero contei coa participación da persoa e persoas que se meten no propio personaxe; Héctor González, o noso DJ e que é un gran afeccionado no montaxe de vídeos; e Pepe Baamonde, que fai cameos nos vídeos. Surxiu coma resposta ao que facían outros clubes. Había unha resposta da audiencia, aínda que eran vídeos pequenos e sinxelos. Recibimos parabéns de patrocinadores. Aínda que eran vídeos moi sinxelos e moi rápidos. Tendo a Maximus no día a día, a preguiza ao erguerte pola mañá, o almorzo, etcétera. Ver un pouco a Maximus dende ese prisma no día a día. Está a funcionar moi ben.

Que “feedback” recibiches dos medios de comunicación, patrocinadores e que beneficios cres que trouxo e trae Maximus ao club?

A visibilidade é importantísima. Estamos nunha competición con clubes dunha dimensión enorme. Nós temos unha historia detrás, unha afección moi fiel, pero poñerte á altura de determinados clubes é moi difícil. Atopamos un pequeno oco entre eles no aspecto de visibilidade. Estamos a recibir agradecemento deses patrocinadores animándonos a seguir. É un soporte moi importante. Cun contido positivo sempre, simpático, desliza valores positivos para os nenos como o esforzo. Estamos aínda creando o personaxe e imos tentar rematar unha personalidade simpática para tódolos públicos.

Hai xa unha tradición dos partidos no Pazo na que os xogadores e a propia mascota Maximus esperan na pista aos afeccionados ao rematar os encontros. En que medida cres que este feito inflúe no afianzamento da masa social máis xove e no achegamento de novas xeracións?

Foi unha decisión intelixente do club no seu intre. A idea é ser un club aberto. Que os adestramentos sexan a porta aberta. O que nos comentan moitos pais é que moitos nenos chegan, veñen e desexan que chegue ese intre final, entrar na pista, correr pola pista onde minutos atrás xogaron os profesionais, interacturar con eles, estar coa mascota. Para eles, é unha experiencia moi bonita. Ao final, é sembrar breoganismo e que a masa social medre cara a tódalas partes, tanto persoas máis maiores coma nenos. É unha gran satisfacción para nós. Acertamos, aínda que pode xerar un pequeno deterioro do material. O custo paga a pena. Sen unha gran afección detrás, por moito pavillón impecable que teñas, non facemos nada.

ÚLTIMAS

Investigadas tres persoas pola contratación de temporeiros en situación irregular nunha explotación agrícola de Lugo

A Garda Civil investiga a tres persoas como presuntas autoras dun delito contra os dereitos dos traballadores,...

Prealerta pola crecida do Miño en Lugo e cortadas dúas estradas por inundacións

O centro de control da conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informou de que...

Empeora o estado das pallozas de Piornedo polo temporal e os propietarios piden axudas

O conxunto histórico das pallozas de Piornedo, unha aldea do municipio lucense de Cervantes...

Lugo iniciará este mércores o proceso para declarar zona verde os terreos do Garañón

O Concello de Lugo iniciará este mércores o proceso para que a zona do...