InicioDeportesFede Varela: "Sempre estiven moi apegado a Lugo"

Fede Varela: “Sempre estiven moi apegado a Lugo”

O volante arxentino afincouse en Viveiro (Lugo) con nove anos e, dende entón, parte do seu corazón é lucense. Aos seus 21 anos, o xogador cedido polo histórico F.C. Porto compite no Rayo Majadahonda, que mañá visita Lugo, despois de debutar na Primeira Liga de Portugal co Portimonense S.C.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Como valoras a túa vixente tempada no Rayo Majadahonda, na Segunda División española?

Para mín, esta tempada está a ser moi boa, tanto a nivel fútbolístico coma persoal. Xa tiña ganas de volver a España tralo meu paso por Portugal. A Segunda División española ten un nivel moi alto este ano. Valoro a tempada de xeito moi positivo.

Dende o pasado xaneiro, xogaches cedido polo F.C. Porto no Portimonense Sporting Clube, na Primeira Liga de Portugal, máxima categoría portuguesa. Competiches doce partidos na Primeira Liga de Portugal, os derradeiros seis do compionato coma titular. O teu terceiro partido na Primeira Liga foi contra o Benfica e no treito final de tempada titular contra o Sporting de Portugal. Como definirías o nivel da liga, a experiencia e o que che aportou?

É moi bo o nivel. Eu estaba a realizar unha moi boa tempada no filial do Porto. Estábaseme quedando pequena a Segunda División de Portugal. Surxiu a oportunidade de ir a Primeira en Portugal. Foi unha experiencia nova. Aproveiteina ao máximo. Rematei xogando practicamente todo. No Portimonense, o club, os xogadores e corpo técnico formaban un grupo moi san. Tratáronme xenial. Foi unha experiencia moi boa. Non puiden visitar os estadios grandes porque xa os visitaran na primeira volta.

Tes contrato por unha tempada máis co F.C. Porto, até 2020. Polo de agora, como valoras esta etapa nun dos mellores clubes do mundo? Chegas no verán de 2015 procedente do Stade Nyonnais suízo. 

Valóroa de xeito moi bo. Estiven prácticamente tres anos no Porto B. Eu cheguei ao Porto por Julen Lopetegui. Sempre lle gustou o meu fútbol. Sempre me seguiu cando el traballaba nas categorías inferiores da selección española. Cando cheguei, ao pouco tempo, el foise. Foi mala sorte. Entón, quedeime no filial. O meu primeiro ano foi de adaptación. O segundo e o terceiro foi cando estoupei, cando amosei todo o meu fútbol. Nos últimos dous anos, fixen a pretampada co primeiro equipo. Sempre fun sumando e mellorando.

Queres continuar no Porto ao rematar esta tempada? Falas con eles a cotío? Que opinión teñen do teu rendemento actual?

Aínda teño contrato até 2020. Teño que volver e presentarme alí este vindeiro verán. Sempre me están a seguir. Están moi ledos co meu nivel. Están sempre pendentes. Sempre me din que estou a facer unha moi boa tempada.

Pertences ao F.C. Porto, un club moi potente a nivel internacional, unha institución polideportiva, campión de dúas Champions e coñecido por contratar xogadores de primeiro nivel mundial. Como é o club por dentro?

É un club moi bo, onde apostan polos xogadores, trátante moi ben. Sempre estiveron moi pendentes de mín, dende o primeiro día. Sempre fun moi querido alí no Porto.

O F.C. Porto ten unha colonia importante de xogadores españois coma Iker Casillas, Óliver Torres ou ex deportivista Adrián López. Como foi a túa relación con eles? Ti fuches fichado por un adestrador español coma é Julen Lopetegui.

Cando cheguei ao Porto con Julen Lopetegui fun directamente ao primeiro equipo. Cadrei con Cristian Tello, con Iker Casillas, con Óliver Torres, con Adrián López, con José Ángel “Cote”. Cadrei con moitos. Tamén con Iván Marcano. Dende que se foi Lopetegui, foron índose os españois. Agora quedan Casillas, Torres e Adrián. Sempre me levei moi ben con eles. Sempre me xuntaba con eles porque nos meus comezos non sabía falar portugués.

Como é Julen Lopetegui na distancia curta?

É un adestrador moi persoal, moi amable, está constantemente comunicándose cos xogadores, dalle moita confianza aos seus xogadores. O seu estilo de xogo é de asociarse e de toque. El ten que ter confianza nos demáis e iso reflectíase no xogo.

Cales son as túas virtudes coma xogador?

Son un xogador que lle gusta o toque, encarar, crearse situacións.

Naciches en Arxentina, pero viñeches a vivir a Viveiro con nove anos. Como lembras aquela etapa?

Cheguei a España cando tiña nove anos. Levo máis anos en España que en Arxentina. Fun a Viveiro porque meu pai veu traballar a España. Chegamos a Viveiro sendo eu moi cativo. Comecei a xogar no Viveiro C.F. Fun sumando pouco a pouco. Despois, fun ao R.C. Celta. Estiven catro tempadas. Sempre vou a Viveiro cando podo. É moi bonito. Meus pais viven agora en Santiago de Compostela. Tamén viviron en Lugo cando eu estaba no Celta. Cando tiña libre, sempre volvía a Lugo. Eu sempre me vou sentir arxentino. Teño as dúas nacionalidades.

Mañá xogas en Lugo. É un partido especial para ti a nivel sentimental?

É un partido moi especial. O meu irmán, cando se adicaba ao fútbol, xogou no Lugo. Ía velo adestrar, ía aos seus partidos. Estivo dous ou tres anos. O Lugo e Lugo sempre estivo presente en mín. A miña familia vai ir toda alí. Xa me pediron entradas. Vou ter a toda a familia véndome. Sempre estiven moi apegado a Lugo. Ía aos adestramentos, aos partidos ao Ángel Carro. Sempre estiven moi apegado a Lugo, aínda que nunca xoguei alí, si meu irmán. Incluso, meus pais vivían en Lugo cando eu xogaba no Celta.

O teu soño é xogar no primeiro equipo do F.C. Porto, non si?

O meu soño é chegar ao máis alto. Estou no Porto, nun grandísimo equipo. Gústame moito o fútbol de España. Gustaríame xogar en Primeira e apuntar a sitios máis altos.

Polos teus vínculos con Lugo, co Lugo e co Celta, contemplarías xogar nalgún dos equipos equipos galegos?

Nunca se sabe. Imos ver. Aínda teño que volver ao Porto. Agora mesmo, estame indo moi ben. Estanme xa saíndo cousas.

Durante a primeira volta, fuches compañeiro no Rayo Majadahonda de Toni Martínez, novo dianteiro de Club Deportivo Lugo. Que opinión tes do teu ex compañeiro? Que cres que pode aportar ao Lugo?

É un excelente xogador. É forte, potente e con moi boa definición. Gústame moito.

Tamén na primeira volta, fuches compañeiro de Jorge García Torre, ex xogador do Lugo. Como era a túa relación con el? Agora fichou polo U.P. Langreo. 

Jorge é moi bo rapaz. Sempre me tratou moi ben. Levábame moi ben con el. É unha mágoa que marchara.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...