Rubén Arce: “Soño cun Lugo con tres porteiros saídos da base”

O adestrador lucense de porteiros cumpre o seu obxectivo de adicarse profesionalmente ao que máis lle gusta: o fútbol, e máis concretamente aos porteiros. Este pasado verán, colleu as maletas a marchou ao Villarreal C.F., onde é o adestrador de porteiros do equipo C

Rubén Arce pousa no Mini Estadi do Villarreal C.F.
Cando e como xorde a túa decisión de adicarte profesionalmente ao fútbol?
Xorde máis tarde do que me tería gustado, mais teño claro que se non chegan antes as cousas é porque aínda non estamos preparados. Seguro que así foi o meu caso. Traballaba nunha autoescola e mesturaba o fútbol con ese traballo. Autoescola polas mañás e fútbol polas tardes. Só na miña derradeira tempada no Club Deportivo Lugo adiqueime só ao fútbol.
Como valoras a túa etapa de catro anos no fútbol base do Club Deportivo Lugo?
No eido humano, supuxo un troco enorme. Saio sendo infinitamente mellor adestrador e tamén mellor persoa, mellor pai, etcétera. O fútbol base do lugo nos últimos anos foi unha escola futbolística e humana, tanto para xogadores coma para adestradores. E é o verdadeiro legado do que me sinto orgulloso de ter formado parte.
Cal foi a chave para acadar dous ascensos dende Primeira Autonómica a Terceira División en tres tempadas?
Varias cuestións na miña opinión: o traballo incansable dende a coordinación para a confección das plantillas, corpos técnicos coa súa dedicación e capacidade necesarias, xente que sumou moitísimo na sombra coma Manolo Mourelos, xogadores cunha personalidade e talento do mellor da provincia e, por suposto, o apoio e maila ilusión do presidente por ter un filial en Terceira puidendo dar saída aos canteiráns que pasan dende o Xuvenil e por ter xogadores da casa que, na miña opinión, xeran moitas raíces ao club.
Que subliñas do grupo de xogadores e de técnicos do filial?
Tódolos xogadores son moi bos, pero é que riba están xogadores coma Javi Liz e Javi Rey e estiveron xogadores coma Óscar Rivas e Dani Renda. Teñen moito carácter, son un dez coma persoas e reman no vestiario coma se lles fose a vida niso. Fomos moi afortunados por telos, ademáis todos saídos da canteira do Lugo e sendo de Lugo, o cal na miña opinión aumentando aínda máis se cabe o seu valor dentro dun club que pretende xerar raíces e masa social na cidade. Os adestradores son os meus amigos. Non son obxectivo falando deles. Aínda que os resultados de moitos anos lles avalan, só dicirlles que tiveron sorte e libráronse de mín (rí).
Que futuro vislumbras ao filial en Terceira División, unha competición moi atractiva e completamente galega?
Van a acadar o obxectivo de salvarse porque segue a base que ascendeu e ten moitos conceptos xa traballados. O verdadeiro éxito do filial é que, cando suban os rapaces, estén preparados. Iso xa aconteceu a tempada pasada e xa repercutiu, segundo lin, con, cando menos, 800.000 euros (do traspaso de Dani Escriche). Un orgullo para todos os que participaron no proceso.
Custouche moito tomar a decisión de marchar ao Villarreal C.F.?
Se tes opción de ir a unha das mellores canteiras de Europa creo que debes ir, abrir os ollos e mailas orellas, aprender e desfrutar moito. E niso estou.
Como definirías as tarefas dun adestrador de porteiros?
Eu creo que o porteiro é un xogador máis, pero especialista en parar. Porén, o adestrador de porteiros debe ser un técnico máis e, a maiores, especialista nesa posición. Aquí no Villarreal C.F., son un adestrador máis, levo o balón parado, participo en analizar ao rival, en xerar o adestramento xeral, etcétera. E todo isto sen “molestar” o funcionamento xeral do adestramento antes e despois das sesións. Durante o adestramento, dirixo específicamente aos porteiros. Penso que debemos saber de moitas máis cuestións que de porteiros: preparación física, liderado, psicoloxía aplicada, neurociencia, biomecánica, scouting e análise, grabación e edición de vídeo, etcétera. De non facelo, na miña opinión, é coma se un ciruxano non lle fixeran estudar Medicina. O fútbol evoluciona ao mesmo tengo que o adestrador de porteiros. Se os adestradores de porteiros só queren saber de porteiros, non saberán nada.
Como valoras a túa xa media tempada no Villarreal?
Espectacular!! Tanto no laboral coma no persoal. Dame a sensación de levar aquí moitos anos. Estou feliz, súper adaptado e desfrutando moito. Teño uns compañeiros incribles. Somos entre oito e nove persoas de corpo técnico. Todos son moi top no seu. Son súper profesionais e, ademáis, temos un primeiro adestrador, que é Pere Martí, que vai adestrar en Primeira División seguro. Síntome moi escoitado e valorado polo club, polo corpo técnico e por xogadores. O único que me fai sofrer é estar sen a miña familia. Cando saio da cidade deportiva, bótoos moito de menos e aí xa non é todo tan bonito.
No Xuvenil A adestra Miguel Ángel Tena, ex xogador do Club Deportivo Lugo. Como está a ser a túa relación persoal e laboral con el?
Miguel Tena xa me ofreceu axuda antes de poñer eu un pé no Villarreal, para ofrecerme a súa axuda, eles séntanse na mesa ao carón da nosa, falo moito con el, levámonos xenial, é un amigo do fútbol, chamámonos e animámonos, temos moi boa relación, será por ser da escola galega de adestradores ámbolos dous (ri).
Que valoración fas dos porteiros que quedan no club? Velos preparados para ser o futuro do primeiro equipo?
O meu soño, polo que me erguía cada día, era que no primeiro equipo do Lugo, ao igual que no Celta, os tres porteiros foran saídos da base. Sigo pensando que é posible a medio prazo. Por dicir a tres, diría Pablo Cacharrón, Brais Vázquez e Julen Fernández. Están entre os mellores porteiros galegos da súa idade. Iso seguro! É máis, agora estou a traballar con internacionais por España, que son boísimos, e reafírmome aínda máis na miña idea e creo que o meu soño persoal que tiña en Lugo é un obxectivo moi acadable con paciencia e traballo a medio prazo. O Club Deportivo Lugo ten moita sorte por telos e eles por estar nun club que invirte moito esforzo e grandes profesionais no fútbol base.
O Club Deportivo Lugo deu tódalas facilidades para que cumpriras o teu soño, non si?
Percibín unha mágoa sinceira porque me marchaba cando fun comunicar a miña marcha ás oficinas do club. Ademáis, chamoume Roberto (Fernández). O presidente envioume un par de mensaxes, pero creo que era o intre para saír a mellorar coma profesional e coma persoa, que para mín é o importante. E niso estamos.
Veste de adestrador de porteiros do primeiro equipo do Lugo nun futuro?
Son de Lugo e do Lugo. Funme agradecido e despedíndome de tódolos amigos e compañeiros. Non pecho ningunha porta, mais agora son moi feliz no Villarreal C.F. e o Lugo ten a un gran amigo meu coma adestrador de porteiros, Roberto Fernández. Ogallá que lle saquen o maior proveito. Creo que pode aportar moito en tódalas decisións importantes para o club.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here