Natxo Lezkano, sobre Alijah Millsap: “É bastante completo”

O adestrador breoganista afirmou que o novo aleiro breoganista "pode anotar por diferentes vías, é físico, xoga ben situacións de un contra un, pode incluso postear, tira ben sen ser un tirador, non descoida a faceta defensiva e vai ben ao rebote”

Alijah Millsap hoxe no Pazo dos Deportes de Lugo

Natxo Lezkano, adestrador do Cafés Candelas Breogán, compareceu en rolda de prensa previa ao partido contra MoraBanc Andorra este sábado no Pazo dos Deportes de Lugo a partir das 20:30 horas na decimoterceira xornada da Liga Endesa.

O adestrador breoganista afirmou que “cada vitoria ten un valor moi alto”.

MoraBanc Andorra, segundo Lezkano, é “un equipo que medrou ao longo destes anos de xeito lineal e non deixou de medrar dende a LEB Prata até colocarse en Europa, é un exemplo para otros clubes” coma Breogán. Opinou que ten “xogadores moi físicos, xogadores que coñecen ben a liga, coñécense entre eles, xa levan tempadas xogando xuntos moitos deles”, ten unha “traxectoria un tanto irregular na liga”, “tocoulles un calendario complicado” e “está tendo un bo rendemento nos partidos fóra da casa”, polo que será “un partido moi difícil” e “están a xogar para a Copa”. Lembrou que foron “capaces de gañarlle ao Real Madrid e perder contra GBC” e subliñou que contra o Madrid cunha “anotación altísima e iso fala moito do seu potencial”. Valorou que é un conxunto que “corre moitísimo, anota sinxelo a pesar de non estar a ter moi boas porcentaxes polo de agora”, “xoga a un ritmo moi alto” e “unha das claves, que van ser bastantes, pasa polo seu xogo de contraataque, primeiros segundos de posesión, peche do rebote, carga moi ben o rebote ofensivo.”

O técnico nado en Portugalete reflexionou que Alijah Millsap, novo aleiro do Breogán e que chegou hoxe pola tarde, “é bastante completo, pode anotar por diferentes vías, é físico, xoga ben situacións de un contra un, pode incluso postear, tira ben sen ser un tirador, non descoida a faceta defensiva e vai ben ao rebote”, “non ten moita experiencia en Europa” e “vai ser clave a súa adaptación”. “É unha posibilidade, lóxicamente ao non adestrar é difícil que poida entrar na rotación”, respondeu sobre o partido do sábado.

En canto ás baixas, contestou que Emir Sulejmanovic “aínda non adestrou co grupo, é difícil que chegue ao partido, Sergi Vidal non adestrou”, pero confía “que poida chegar”, mais ten “molestias no tendón de Aquiles” e con Ricardo Úriz “non” cre que poidan “contar até 2019.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here