InicioDeportesO Club Deportivo Lugo perdeu ante unha A.D. Alcorcón eficaz (0-1)

O Club Deportivo Lugo perdeu ante unha A.D. Alcorcón eficaz (0-1)

Un golazo do ex deportivista Borja Galán no minuto 48 decidiu a vitoria dun Alcorcón que é líder provisional con 27 puntos polos 13 puntos dos albivermellos, decimoquintos arestora

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Club Deportivo Lugo perdeu coma local na decimoterceira xornada ante a Agrupación Deportiva Alcorcón (0-1) despois dun gol de Borja Galán, ex xogador do Fabril, no minuto 48. Os madrileños son líderes provisionais de La Liga 1|2|3 con 27 puntos, polos 13 do Lugo, decimoquinto arestora.

Os lucenses comenzaron sendo superiores. Presionando en bloque alto e con continuas chegadas, aínda que non con finalizacións precisas. Cristian Herrera amosábase moi vertical e Antonio Campillo xeraba continuamente. Así a todo, foi o Alcorcón, que mellorou co paso dos minutos, o primeiro en contar cunha ocasión clara. Foi no minuto 22 cun zurdazo de Marco Sangalli, diestro, que marchou por riba do segundo pau. O Lugo respondía cunha arrancada de Eduard Campabadal, no minuto 28, e o seu disparo marchaba alto dende fóra do área. O partido equilibrábase. No 38, avisaba Borja Galán, posterior goleador, cun disparo raso dende media distancia que non atopaba portería. Segundos despois, o Lugo contaba coa opción máis rechamante da primeira metade cun balón solto que Antonio Campillo, impoñéndose ao ex deportivista Laure Sanabria, toca a media altura, pero o porteiro visitante Dani Jiménez desviaba a saque de esquina. Laure reaccionaba cinco minutos despois cunha arrancada pola banda dereita, pero o seu centro non atopaba rematador.

No comezo do segunda metade, chegaba o gol do Alcorcón tras unha apertura de Albert Dorca, Borja Galán recibe, encara e o seu disparo entraba polo segundo pau de xeito precioso e preciso. Segundos despois, Juan Muñoz podía asinar o segundo tanto madrileño, pero o seu zurdazo marchou alto. Respondía Antonio Campillo cun disparo raso e excesivamente cruzado. O Lugo xeraba. Así, unha falta indirecta botada polo propio Campillo creou perigo ante a indecisión da cobertura do Alcorcón. Tamén os madrileños buscaban a portería de Juan Carlos Martín. No minuto 55, centro do ex céltico Carlos Bellvís e o seu homólogo Vasyl Kravets despexaba en boca de gol. Comezaba tamén Iriome González a ser máis vertical por parte do Club Deportivo Lugo. Varias conduccións súas facían perigar a vitoria parcial visitante. Entre tanto, Laure centra e o albivermello “Josete” Malagón desviaba levemente a saque de esquina. No minuto 71, o Alcorcón trocaba ao seu porteiro titular, Dani Jiménez, por lesión, e entraba Raúl Lizoain. Minutos de falta de ritmo e paróns. Xogo inconexo. No minuto 80, pase filtrado de Campabadal cara o desmarque de Campillo, pero Lizoain blocaba atento saíndo da súa porta. No 83, clara ocasión do Lugo. José Carlos Lazo, que entrara de refresco, centra, dúbidas na defensa madrileña e Jean Marie Dongou, sen a fe precisa, remataba sen total tensión e o balón marchaba alto ante Lizoain. Novamente, Dongou era protagonista segundos despois, pero non controlaba o pase de Juan Muñiz, derradeiro troco do Lugo. Juan Muñoz remataba para o Alcorcón cun zurdazo alto dende fóra do área. Os madrileños buscaban tamén a sentenza. No minuto 88, o albivermello Juan Muñiz finaliza unha contra cun disparo lonxano, pero potente, e Lizoain desviaba a saque de esquina. No desconto, Fernando Seoane disparaba ao pau dende fóra do área na máis clara ocasión dun Lugo que xerou dabondo para empatar, pero o Alcorcón levouse a vitoria ao ser máis eficaz. Os madrileños celebraron o triunfo sobre o céspede do estadio Ángel Carro. Son a revelación agora mesma dunha igualada e apaixoante La Liga 1|2|3.

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...