Un orgulloso Breogán perde na súa estrea (90-78)

Os breoganistas acadaron vantaxes de 14 puntos. Alec Brown anotou 12 puntos antes de lesionarse

Alec Brown defende a Thaddeus "Thad" McFadden. Foto de acb.com

O Cafés Candelas Breogán perdeu ante Iberostar Tenerife (90-78) na segunda xornada da Liga Endesa, pero foi o primeiro partido do Breogán na ACB doce anos despois polo encontro adiado da primeira xornada.

Os lucenses completaron unha primeira metade impecable con acerto dende o comezo. Remataron o primeiro cuarto con 31 puntos (20-31). Extraordinario Alec Brown, con 12 puntos en apenas 10 minutos e 48 segundos antes de lesionarse. Brown amosou a súa mecánica veloz e lanzamento eficaz. Todos aportaban. Na pintura, Volodymyr Gerun destacaba cos seus rebotes e finalizacións, así como un Emir Sulejmanovic amosando calidade e personalidade. Tamén, Romaric Belemene, co seu físico. Os lucenses tiveron vantaxes de 14 puntos.

Na segunda metade, Iberostar Tenerife amosou un destacado acerto exterior, especialmente con Thaddeus “Thad” McFadden. Igualaron por vez primeira o partido no terceiro cuarto (49-49). Os de La Laguna adiantáronse por vez primeira (52-49), os lucenses sufriron en defensa e, pese a unha nova vantaxe (54-55), non volveron liderar o partido. McFadden rematou o partido con 23 puntos, mentres Tim Abromaitis aportou 21 puntos, polos 20 de Colton Iverson.

Por parte lucense, Aleksandar Cvetkovic, con tres triplas e 13 puntos, foi o máximo anotador breoganista, polos 12 de Alec Brown e Lucio Redivo.

Christian Díaz, Johan Löfberg e Volodymyr Gerun debutaron en Liga Endesa, mentres Jerome Jordan xogou o seu primeiro partido co Breogán.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here