InicioDeportes"Na cidade de Lugo todo o mundo recoñece ao Emevé, é un...

“Na cidade de Lugo todo o mundo recoñece ao Emevé, é un equipo de sempre”

Diego Taboada, primeiro adestrador de Club Voleibol Emevé Lugo, aténdenos horas despois de acadar o brillantísimo ascenso á Superliga masculina, máxima categoría do voleibol español

PUBLICADA O

- Advertisement -

Que sensacións tes apenas unhas horas despois de acadar o ansiado obxectivo de ascender á Superliga, máxima categoría do voleibol español?

O domingo estabamos moi emocionados. Eu, especialmente, estaba moi emocionado porque foron catro anos de traballo dende que descendimos a última vez de Superliga 1. Tivemos que remontar dende as bases, co equipo cadete e subíndoo pouco a pouco. Asentándoo pouco a pouco para volver ascender. A sensación que teño é que moitos dos meus xogadores me están a enviar mensaxes do estilo: “Tiñas razón, en tres-catro anos ascendimos”. Era unha cuestión que lles repetía e é difícil de crer a tan longo prazo. Quédome con iso porque reflicte o espírito de esforzo que tiveron todos no club. Tivemos moita confianza no noso traballo.

Cales cres que son as claves para ascender despois dunha tempada regular na que rematades invictos distanciando en oito puntos ao segundo clasificado e subindo na fase de ascenso en Dumbría sendo favoritos coa presión que iso supón e despois de perder o segundo partido da propia fase?

A clave foi disputar os partidos de un e un. Non mirar a fase en xeral. Para mín, era un erro pensar no de mañá se pensas en xeral na fase de ascenso e non o de hoxe. O hoxe era complicado cada día. Despois, outra clave foi a preparación física. E, sobre todo, ter unha plantilla máis ampla da que eu tiña o ano pasado. O ano pasado, perdemos porque Víctor Bouza ficha na República Checa e o terceiro central, do que ninguén fala porque Víctor chama máis a atención, foi á Coruña a xogar e traballar. Co cal, o noso nivel de adestramentos, que é moi esixente, baixou a nivel físico. Chegamos moi, moi xustos e con xente lesionada.

Perdedes contra Castellón o sábado. O domingo ascendedes contra Almoradí no quinto set despois de gañar o primeiro e o terceiro sets. Como valoras a evolución interna dentro da propia fase de ascenso?

Despois do primeiro partido, eu non sabía como gañamos contra Dumbría. Xogaron a un nivel altísimo, altísimo. Teñen grandes xogadores, pero nunca xogaran a ese nivel. Plantexáronnos un partido moi, moi bo. Nós estabamos nerviosos e iso inflúe. Non competiamos ben porque estabamos nerviosos. A clave dese partido foi que, ao final do segundo set, senteime no banco e díxenme: “Diego, reflexiona. Que é o que podes facer para trocar este partido?”. Ocurríronseme dúas opcións tácticas, que foron trocar o saque do meu colocador, sacar a curto; e dicirlle que, nos bloqueos, pasase só as mans por riba da rede, que é algo que non se acostuma a facer. E, lóxicamente, coa vontade dos meus xogadores, que teñen unha vontade extrema. Sempre que se lles plantexan retos sempre teñen disposición para afrontalos, que para mín é algo fundamental. No segundo partido, chegamos totalmente cansos a nivel psicolóxico. Estabamos esgotados do partido anterior contra Dumbría. De feito, pasoulle o mesmo ao equipo de Dumbría, que perdeu tamén. Só nos quedaba loitar. Sacamos un punto que, á postre, foi moi importante, ademáis contra un equipo ao que gañaramos a final da Copa Príncipe e que nos tiña gañas. Se a mente non vai, o corpo tampouco. E no terceiro partido contra Almoradí, a charla foi: “Temos que desfrutar, o traballo xa está feito e chegamos até aquí”. Dependiamos de nós mesmos. Díxenlles: “Imos xogar como sabemos. Temos que xogar como adestramos. Así, non nos gaña ninguén. Somos mellores que os demáis. Non temos que gañar o partido individualmente, que é aí onde nos poden competir”. Tamén lles plantexei que antes do partido distendésemos o quecemento, en vez de facelo tan típico e moi concentrados. Que xogáramos dous contra dous, dous contra un, tres contra tres. Eles son xogadores que lles encanta o deporte, encántalles xogar. De seguida, atoparon as risas, o compañerismo. E iso creo que foi fundamental. Xogamos o mellor partido con moita diferenza. Eu estiven moi tranquilo nese partido porque sabía que, xogando así, íamos gañar. Valíanos calquer resultado. Só o 3-2, nun partido malo, podían gañarnos por puntos. Levababamos unha diferenza moi importante de puntos. Eles pelexaron moito porque eran a única oportunidade que tiñan para ascender e teñen dous xogadores moi bos, moi veteranos.

Que supón para o Emevé este éxito e volver competir contra os mellores na elite do voleibol español?

É un éxito moi importante. Somos un club de canteira. A xente entende por canteira só os que nacen aquí e non é certo. Sería xenófobo. Canteira son os xogadores e xogadoras que ti formas dende pequenos. Eu este ano trouxen a un rapaz de 19 anos de Albacete (Rubén López García) que non sabía nin darlle á pelota. No primeiro partido desta fase de ascenso foi titular. É o exemplo clarísimo. Non sabía xogar e acabou xogando. Estes rapaces e rapazas quédanse en Lugo. No equipo feminino hai dous ou tres exemplos. E logo está a xente que ven de abaixo. Para o club, é moi importante porque non é sinxelo que saian xeracións excelentes. Si que saen boas xeracións, pero é diferente ter o talento para poder chegar e nutrir aos equipos masculino e feminino en Superliga. Fai catro anos, collín ao equipo cadete. Dese equipo, queda un xogador (Mario Dovale Fidalgo). Co seu talento e mailo seu traballo, entrou na selección nacional, na selección permanente e no Centro de Alto Rendemento da selección. Cando saiu, precisou un ano e medio para buscar cuestións na vida e logo volveu. En Lugo, o bendito problema é que os xogadores estudan. Entón, moitos vanse porque van estudar e en Lugo temos unha oferta académica moi pobre. Aí temos moita dificultade. Que  importante é para este club poder ascender!

Como valoras o nivel de Lugo coma cidade de voleibol e cidade de deporte? Que rol ten Lugo dentro do voleibol español?

É unha cidade pequena, con poucos habitantes. Saes á rúa e ves a todo o mundo facendo deporte. No paseo do Rato, no paseo do Miño, hai pistas de atletismo, hai canchas de baloncesto, hai de todo. É unha cidade moi deportista. Vai dentro dunha cultura deportiva de Lugo. É rara a familia que non teña aos seus fillos facendo deporte. Iso é moi bo. Para mín, o voleibol é un deporte moi diferente ao resto. É un deporte que non é moi individualista. Hai MVP porque chama moito a atención a nivel de medios de comunicación e é bo ter publicidade para o deporte. Hai premios ao mellor colocador, ao mellor sacador, etcétera. Pero non hai un MVP tan proxectado. Na cidade de Lugo todo o mundo recoñece ao Emevé. É un equipo de sempre. Recoñécese ese espírito do voleibol, de familia, de equipo. A nivel nacional, somos un club moi, moi recoñecido. Fai uns anos, déronnos un premio á mellor canteira. En 2009, co accidente do equipo xuvenil feminino (morreron tres xogadoras), tivemos un problema, descolocouse todo a nivel de estrutura e directiva. E, por suposto, a nivel anímico. Sempre vai quedar aí. Cando hai un éxito do Emevé, sempre atopo recoñecemento en Lugo, en Galicia e en toda España. Todo o mundo nos pregunta, está moi pendente. O outro día envioume unha mensaxe un xogador dicíndome que o mellor seleccionador voleibol do mundo (Bernardo Rocha de Rezende, “Bernardinho”) díxolle: “Dalles un saúdo ao Emevé porque eu sei que o Emevé traballa moi, moi ben”. A xente quere vir xogar aquí.

O MVP foi Víctor Bouza. Como o describes coma deportista?

Víctor é un xogador ao que levo adestrando dende que tiña sete anos. Tódolos xogadores que teño foron adestrados por mín. É un xogador que, dende moi cativo, tiña moito talento para xogar a voleibol, a fútbol, a baloncesto, a atletismo, para todo. Ten un carácter moi especial e moi competitivo. Un carácter moi Rafa Nadal, salvando as distancias. É unha personaxe porque é unha personaxe. Nos intres de dificultade mental e física atopa algo dentro para medrar. El sempre atopa algo para ir a máis. É un compañeiro moi esixente cos demáis, demasiado esixente ás veces. Non é sinxelo adestrar con el. Axuda moito. Xogando leva o equipo cara a diante. É a peza fundamental, esté ben ou non físicamente. Nesta fase de ascenso, tivo problemas físicos e foi o MVP.

Que valoración fas do apoio da afección, das empresas privadas e das institucións públicas? Cres que hai un crecemento, unha evolución positiva, tal e como me comentou José Valle, primeiro adestrador do equipo feminino nunha entrevista?

O ano pasado, plantexeille á directiva que nós medraramos tanto a nivel deportivo que se estaba a comer a parte estrutural do club. Entón, ou ben dabamos un paso adiante e nos modernizabamos ou isto ía estoupar e ía desaparecer. É o que acostuma a pasar cando queres, queres, queres, queres e non chegas. Hai un intre que a xente vaise, sexan xogadores, patrocinios e institucións. O paso que deu o club a nivel estrutural foi fundamental. Hai un director deportivo (Juan Villar) que o está a facer moi ben, é un home do club de toda a vida, foi o meu adestrador. Á directiva que había, engadíronse dous directores comerciais. Deuse unha volta de torca a todo. Para a tempada que vén, temos un preparador físico para Superliga e categorías inferiores. É algo fundamental. Tamén estamos a traballar para ter un fisioterapeuta. En España, o voleibol é un deporte moi avanzado deportivamente, pero noutros eidos aínda lle queda. Vaste a Italia e é outro tema. As institucións decatáronse do nivel e do espazo que alcanzamos na cidade. A nivel de afección, creo que temos que traballar moito máis. A final de tempada, tivemos unha afluencia moi grande con respecto ao comezo, e foi cando se comezaron a facer varias iniciativas que non se estaban a facer.

Que medidas destacas neste eido social?

Na fase de ascenso, na que se puxeron autobuses, o pavillón encheuse de lucenses. Era unha pasada. Gañamos grazas á afección pola comunión coa grada. Somos un club moi grande. Hai que fomentar que as familias vaian aos partidos. Hai que traballar. Non é sinxelo porque somos unha cidade familiar e aos lucenses cústalles quedarse en Lugo os fines de semanas. Algúns van aos seus pobos. Destaco a iniciativa de convidar aos colexios. Eu tamén son profesor. No meu colexio, cando os rapaces coñeceron os xogadores quixeron xa ir a tódolos partidos. Os nenos precisan eses ídolos, esa cercanía. É a xente á que admiran. É importante achegar iso á masa lucense, que veñen polos nenos.

A tempada pasada, co ascenso do Emevé feminino á Superliga, houbo que buscar financiación para inscribirse na máxima categoría. Como está a situación neste caso do ascenso masculino?

Eu non teño tanta información coma ten a directiva, pero si que sei que públicamente as institucións xa nos apoiaron para o ano que vén en Superliga. Viron que funciona e que non somos un deporte caro. Melloramos moito na parte comercial. O club xa nos expresou que imos xogar en Superliga.

Aínda queda moito tempo, é moi cedo, pero que plantexamento tes de confección de plantilla para a vindeira tempada sendo un club de canteira e con liña de continuidade? Moitos dos teus xogadores van seguir?

O groso do equipo vai ser o deste ano, se eles queren renovar, que sei que vai querer a maioría, cando menos. Pero si imos precisar reforzos para que non lles pase o que lles aconteceu ás rapazas este ano. Ás rapazas faltoulles quizais calidade nalgúns postos e sufriron. A dificultade é económica. A maioría dos recursos no noso club son para a canteira, non para os equipos de Superliga. A canteira é un orzamento moi alto. Non podemos pagar as cantidades doutros equipos para as súas primeiras plantillas. Precisamos un colocador titular, un oposto titular, un primeiro central titular. De catorce, pode haber catro-cinco novos, non máis.

Como é o nivel de Superliga? Que van presenciar os seareiros lucenses?

Un nivel moi alto. Vaise atopar o mellor voleibol nacional. Teruel xogou competición europea. Unicaja quere xogar competición europea. Hai equipos coma Ibiza ou Palma que teñen xogadores internacionais. Vai haber moito nivel. O Emevé vai loitar coma sempre, sempre o fixo. É o noso sinal de identidade.

Por certo, entendo que serás ti o primeiro adestrador do Emevé masculino a vindeira tempada, non si?

Non me dixeron nada (ri), pero supoño que si porque nunha hora teño unha reunión para a vindeira tempada. Si, si.

 

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...