Un Lugo sen contundencia defensiva sofre unha goleada en Las Palmas (4-1)

Os lucenses, salvos nos intres iniciais, apenas amosaron a solidez defensiva precisa para competir e continúan en descenso a tres puntos da salvación a falta de seis xornadas nun partido que no minuto 90 gozou dunha obra de arte co golazo de falta directa lonxana do albivermello Juan Muñiz

A Unión Deportiva Las Palmas celebra o 1-0. Foto de laliga.es

O Club Deportivo Lugo perdeu na súa visita á Unión Deportiva Las Palmas (4-1) na trixésimo sexta xornada de LaLiga 1|2|3. O Lugo, na estrea de Eloy Jiménez coma novo primeiro adestrador, xogou de inicio coas novidades de Sergio Gil coma mediocentro xunto a Giorgi Aburjania e Gerard Valentín coma extremo dereito. Fernando Seoane comezaba no banco de suplentes.

Os lucenses comezaron con verticalidade na primeira posesión. Pero co pasos dos minutos, a Unión Deportiva Las Palmas foi medrando e chegando con certa asiduidade. “Josete” Malagón, hoxe central e non pivote, despexou dúas chegadas dos grancanarios. No minuto 9, os grancanarios inauguraban o marcador ao aproveitar Rubén Castro cun remate co peito un centro de cabeza de Cristian Cedrés. A Unión Deportiva monopolizaba o balón e as chegadas. Cristian Cedrés creaba perigo dende banda dereita e o sempiterno Rubén Castro, ex R.C. Deportivo, na área galega. O Lugo só inquedaba cun par de intentos de proxección ofensiva de Gerard Valentín e un disparo lonxano de rosca de José Carlos Lazo. Avisaba Eric Curbelo cun cabezazo ao que respondeu Juan Carlos Martín, porteiro albivermello, cunha parada inmensa. Á media hora, Alberto de la Bella marcaba o 2-0 cun golpeo de dereita dentro da área despois dun saque de esquina pechado. E no minuto 37, Rubén Castro asinaba o 3-0 ao rematar co calcaño un centro dende banda esquerda de Danny Blum. Os lucenses sufrían a falta de contundencia defensiva. Cristian Herrera puido marcar o 3-1 antes do descanso.

Na descanso, Fernando Seoane e Juan Muñiz entraron por Sergio Gil e Gerard Valentín. Os lucenses buscaban reducir distancias cun par de disparos de Dani Escriche. No minuto 77, Juan Muñiz tivo unha clara ocasión despois dunha deixada de Giorgi Aburjania, pero o golpeo do asturiano foi desviado por Josep Martínez, porteiro local. No minuto 79, Maikel Mesa, ex do Racing de Ferrol, marcaba o 4-0 ao marcar a portería baleira no segundo pau despois dun paradón de Juan Carlos Martín nunha xogada xerada por Álvaro Lemos, ex do Club Deportivo Lugo en dúas etapas, así como ex xogador do R.C. Deportivo, R.C. Celta e S.D. Compostela. Co minuto 90 cumprido, Juan Muñiz marcou un golazo de falta directa lonxana que entrou pola escadra dereita de Josep Martín, porteiro da Unión Deportiva.

Os lucenses son decimonovenos en posto de descenso con 37 puntos, a 3 da salvación.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here