InicioDeportes"Os rallys son a miña paixón, o meu xeito de vida"

“Os rallys son a miña paixón, o meu xeito de vida”

Cristina Prieto Vázquez é unha copilota lucense, de Mosteiro (Pol), que compite xunto a Adrián Vázquez, natural de Friol, e explica a súa visión da situación actual dos rallys en Lugo e en Galicia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Como xorde a túa paixón polos rallys?

A miña paixón polos rallys xa é de cando eu era cativa. Vía moitas revistas de coches e tamén cando emitían rallys na televisión. O que acontecía é que non tiña familia que tivera esta paixón. Entón, case até que saquei o carné non fun a un rally en persoa. Logo, nós, a miña parella máis eu, comezamos nos rallys no ano 2011. Un día falando no sofá, xurdiu a conversa e comezamos a competir nos rallys. Debutamos no Rally San Froilán de 2011. Foi unha experiencia moi boa.

Que significan para ti os rallys?

Unha paixón, un xeito de vida. Para mín, é todo.

Ademais de ser copitota, adícaste a algo máis a nivel laboral? Podes vivir só dos rallys?

Traballo na hostelería. Ogallá puidese vivir dos rallys, que é o que me gusta, pero hai que traballar.

E como o compatibilizas?

No que nos adicamos nós, que é o campionato galego, dentro do malo, son menos días que no campionato de España. No campionato de España, xa precisarías de catro-cinco días seguidos para poder ir, dependendo de onde sexa a proba. No campionato galego adestras un día o fin de semana anterior e é o venres á noite e o sábado todo o día. Incluso, nalgúns rallys non hai venres á noite e é só o sábado todo o día. Entón, compaxínase ben.

Que días adestras? En que horario? 

Na hostelería traballo bastantes horas. Compaxínoo bastante ben. A xente pensa que unha carreira é ir adestrar e correr ese día e xa está. E non é así. Ti tes que facer un plan. Tes que mirar no Google Maps como son os tramos de enlace, por onde é o rally, os quilómetros que hai cronometrados para facer un baremo do consumo de gasolina que vas ter, eu tamén reservo as habitacións para a asistencia, preparo a comida, todo. É bastante traballo. Compaxínoo bastante ben. Teño tres tardes libres no traballo. O piloto bótame unha man porque é a miña parella (Adrián Vázquez).

Como te preparas física e mentalmente para os rallys?

Físicamente, non teño tempo para ir ao ximnasio. Mentalmente, é unha cuestión de concentración. Traballas a concentración. En todo momento, tes que ir moi concentrada. Os ollos da copilota son os ollos do piloto, aínda que a xente pense o contrario. Non é só cantar as notas. Nos tramos de enlace voulle dicindo en todo momento por onde ten que ir.

Cómpre subliñar que empregades Google Maps e mailas novas tecnoloxías porque non tedes tempo a ir coñecer os lugares dos rallys en persoa.

O día dos adestramentos, dependendo de como sexa o rally e como esté plantexado, moitas veces tes tempo para ir coñecer os tramos de enlace, pero outras veces non. Entón, tes o rutómetro na casa, ti podes ver co Google Maps onde remata o tramo, por onde tes que desprazarte. Así xa o día da carreira é moito máis sinxelo porque non vas a cegas.

Fuches pilota algunha vez?

En 2012, alugamos o circuito de Pastoriza. Estiven rodando co Citroën Saxo que tiñamos nós. Non era a nivel competitivo, era entre nós.

Tes a aspiración de ser pilota?

Aspiracións para pilota non teño. Estou moi cómoda no asento da dereita.

Como describirías a Adrián Vázquez coma piloto?

Adrián é un apaixonado. El viviuno dende moito máis cativo ca mín. El si tivo quen o levara aos rallys. O seu curmán é moi apaixonado do rally. Cando había algún rally preto sempre ían os dous. Como piloto, ten algo de todo. É moi meticuloso. Agora temos un Citroën C2 e a mecánica é moito máis sinxela que cando tiñamos un Mitsubishi. Moitas cuestións facémolas nós. El, na seguridade, é moi meticuloso. Como piloto dentro do coche, é moi sereno. Ten tamén momentos onde se lle suben os nervos. Pero eu sei o momento de dicirlle que esté tranquilo, que imos aí.

Cales son os teus referentes da elite dos rallys?

Persoalmente, non fixen ningún curso de copilota. Todo o que aprendimos foi entre el máis eu. Coñezo persoalmente a José Pintor e sempre que precisei algo non tivo problema en explicarme, en dicirme. O que se di referentes e amigos non, salvo José Pintor ou (Iván) Ares con Adrián.

Como valoras o apoio público e privado aos rallys en Lugo e en Galicia? Como vos financiades?

Duns anos para aquí, as empresas foron deixando os patrocinios. Cada vez hai menos nos rallys. Non sei o motivo. Nós si o notamos. Dende que comezamos até agora, temos moito menos apoio. A Deputación de Lugo sacou unhas subvencións e esas axudas non as tiñamos. Esta subvención é unha axuda moi grande, axúdanos moito.

Como valoras a afección aos rallys en Lugo?

No Rally San Froilán hai moita afección. Penso que hai bastantes seareiros aos rallys en Galicia. Hai moita afección. O Rally San Froilán tivo varios anos pasados por choiva e nótase na afección. No Rally San Froilán non notei baixada. No espectáculo que había nas Gándaras había sempre moitísima xente.

Quen vos fai de asistencia nos rallys?

A nosa asistencia son os nosos amigos. Son dous amigos mecánicos e outros que aprenderon a mecánica ao vir con nós. A xente non sabe todo o traballo que hai detrás. Non só gaña un piloto, senón o seu copiloto ou copilota e a asistencia. Moitas veces non se valora o traballo que fai a asistencia. Sen asistencia, non se poden amañar os problemas.

 

 

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...